NOTA DE PRENSA:
Veiga afirma que o PP está empeñado en converter á Mariña nunha sucursal de Lugo
O BNG esixe que se manteña a oferta educativa na Mariña.
O Bloque Nacionalista Galego quere denunciar os recortes que en materia educativa se están a producir na Mariña , derivados da supresión da oferta tanto no Bacharelato, na ESO e na Formación Profesional así como da modificación unilateral dos criterios para que se impartan os ciclos formativos.
O Portavoz Comarcal, Antonio Veiga denunciou “ a supresión da oferta formativa profesional en Foz e Burela, se ben, todo indica que está vai chegar a máis centros da comarca como consecuencia da ampliación da ratio de alumnos para que un ciclo se imparta e da limitación do praza de matrícula ao 31 de Xullo, cando coa anterior normativa existía un prazo de matrícula do 1 ao 13 de Setembro”. Tanto é así que o propio Veiga afirmou “que o peor está por vir, e ímolo ver a partir do 31 de Xullo cando non se cubra a oferta en moitos ciclos o que vai ser a coartada pra suprimir outros. Non é casual desde logo que se suprima o prazo de matriculación en Setembro”. Na mesma liña o nacionalista criticou “que isto vai provocar que sexan moitos os alumnos da Mariña que se queden sen praza, posto que vaise dar o caso de que aqueles mozos e mozas que non superen a ESO ou o Bacharelato na recuperación de Setembro van quedar tirados”.
O Responsábel Comarcal do BNG informou tamén da supresión do bacharelato presencial nocturno en Ribadeo, Foz e Burela así como da ESO para adultos no Concello de Foz no que ao seu xuízo vai significar un aumento do fracaso escolar. “Non é de recibo que pretendan reducir o bacharelato nocturno nestas localidades a un modelo baseado en titorías e semellante á UNED cando a matrícula é elevada e cando se ten modificado a composición do alumnado que o cursa, pois a día de hoxe boa parte das persoas que se inscriben neles son rapaces que pretenden rematar os seus estudos. Tampouco é casual que a Foz se lle prive da ESO en xornada nocturna”, recalcou Veiga quen explicou esta decisión ten a ver coa consideración clasista que o PP ten da educación pero sobre todo coa súa vontade de privatizar e recortar os servizos públicos.
Os nacionalistas consideran que esta decisión é o máis grave ataque ao ensino público na Comarca da Mariña, o que nos retrotrae a 40 anos atrás, cando había que desprazarse ás capitais de provincia para cursar os estudos medios. “O PP está empeñado en converter á Comarca da Mariña, nunha Comarca de segunda, e así o vemos na sanidade ou na educación, facendo da nosa zona unha sucursal da cidade de Lugo” afirmou Veiga quen criticou a decisión de centralizar os servizos educativos nas cidades, aloxándoos dos cidadáns. O portavoz do nacionalistas considera esta decisión como “ unha navallada sen precedentes á Mariña, que vai provocar graves consecuencias entre os nosos rapaces, na medida en que vai dificultar as súas posibilidades de formación, establecéndose un auténtico apartheid por razóns de clase que vai expulsar do sistema educativo aos fillos das clases traballadoras”.
Xa por últimos desde o BNG indicaron que esta decisión vai ter tamén importantes repercusións na totalidade dos Concellos, posto que vai significar perda de empregos, xa que logo perda de poder adquisitivo, perda de cualificación na man de obra e tamén unha diminución do gasto no comercio e na hostalería daqueles concellos que ven agora recortada a súa oferta educativa.