NOTA DE PRENSA
Nin o Partido Popular de Galicia nin o de Viveiro “ten nada en contra” dos particulares e empresas que adquiriron estas licenzas “bastante desgracia teñen” despois de que o Concello de Viveiro os “houbera enganado” despois de outorgárllelas con informes xurídicos e urbanísticos na súa contra
BALSEIRO SUBLIÑA A PLENA DISPOÑIBILIDADE E COLABORACIÓN DA XUNTA COA INVESTIGACIÓN SOBRE AS PRESUNTAS IRREGULARIDADES URBANÍSTICAS NAS QUE PODERÍA TER INCORRIDO O CONCELLO DE VIVEIRO
* A situación contrasta co comportamento da administración durante a pasada lexislatura, cando o bipartito coa súa inactividade amparou estes comportamentos tan cuestionables.
Santiago, 10 de xuño de 2010.- O deputado autonómico do Partido Popular Jose Manuel Balseiro Orol interesouse no día de hoxe na Comisión de Política Territorial do Parlamento polas once licenzas urbanísticas outorgadas polo Goberno municipal de Viveiro, que preside o socialista Melchor Roel, e que están a ser obxecto de investigación polo Xulgado de Instrucción número 2 de Viveiro.
Balseiro Orol subliñou a satisfacción do seu Grupo Parlamentario despois de coñecer que agora a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística esta en permanente contacto coa Xustiza e ofrece a súa total colaboración. De feito a propia Secretaría Xeral, Encarnación Rivas, deu conta dos distintos contactos mantidos entre o xulgado e a axencia de control e vixilancia urbanística da Xunta que quixo poñerse ao servizo do tribunal “tendo en conta de que falamos duns expedientes moi amplos e de gran complexidade técnica”. A situación actual contrasta –sinalou Balseiro- co acontecido durante a pasada lexislatura onde, a pesar das reiteradas denuncias sobre a situación destas licenzas “non se fixo practicamente nada. Podemos afirmar incluso que o bipartito amparou coa súa inactividade estas prácticas. Todo iso a pesar de que polo menos seis delas están no punto de mira da Fiscalía e da Policía Xudicial”
Subliñando o feito de que “hai que esperar ao pronunciamento da Xustiza, e que non é a intención dos populares efectuar xuizos paralelos, nin prexulgar os resultados da investigación”, si deixaron claro, “que canto menos non é moi axeitado actuar como o fixo a Xunta de Goberno Local de Viveiro, outorgando licenzas con informes xurídicos e técnicos en contra e pola vía do silenzo administrativo”.
Balseiro tamén quixo clarexar que “nin o Partido Popular de Galicia nin o de Viveiro “ten nada en contra” dos particulares e empresas que adquiriron estas licenzas “bastante desgracia teñen” despois de que o Concello de Viveiro os “houbera enganado” tras outorgárllelas con informes xurídicos e urbanísticos na súa contra.