Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afirma que a Xunta actuou “con rapidez e eficacia” ante os temporais

Nota de Prensa

O BNG levou ao Pleno do Parlamento unha proposición non de lei sobre os efectos dos temporais “caducada”, xa que adaptou unha rexistrada en febreiro en relación coas choivas de decembro e xaneiro, e non aceptou unha emenda do Grupo Popular que pretendía a colaboración e coordinación entre administracións

O BNG REXEITA QUE O GOBERNO CENTRAL E AS DEPUTACIÓNS DE LUGO E DA CORUÑA COOPEREN COA XUNTA NA VALORACIÓN DE DANOS E O FINANCIAMENTO DE AXUDAS PARA OS AFECTADOS POLAS INUNDACIÓNS DA MARIÑA E ORTEGAL

* Balseiro lembra que a Xunta actuou “con rapidez e eficacia” ante os temporais do pasado mes de maio e que xa aprobou un decreto de axudas urxentes por importe de 5 millóns de euros.

Santiago, 23 de xuño de 2010.- O Grupo Parlamentario do BNG rexeitou hoxe unha proposta do Grupo Popular dirixida a que o Goberno central e as deputacións provinciais de Lugo e da Coruña cooperen coa Xunta na valoración de danos e o financiamento de axudas para os afectados polas inundacións da Mariña e Ortegal. O Pleno da Cámara debateu esta mañá unha proposición non de lei do BNG sobre os efectos dos temporais que Balseiro cualificou de “caducada”, xa que adaptou unha rexistrada en febreiro en relación coas choivas de decembro e xaneiro, ao verse “desbordado” pola iniciativa do Goberno galego e decidir que “algo tiñan que dicir”. Ademais, a iniciativa dos nacionalistas resultaba “incompleta”, por canto esquecían nela aos concellos de Ortegal, na provincia da Coruña, tamén afectados polos temporais, e se centraba unicamente nos da Mariña lucense.

Á dita iniciativa do BNG, o Grupo Popular presentou unha emenda dirixida a que a Xunta solicite a cooperación do Goberno central e das deputacións de Lugo e da Coruña na valoración de danos e no financiamento das axudas que se establezan. A emenda dos populares foi rexeitada polos nacionalistas, en coincidencia coa postura do PSOE, que tanto no Goberno central coma na Deputación de Lugo anunciaron xa que non colaborarían coa Xunta na reparación de danos nin no establecemento de axudas.

O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro lembrou na súa intervención que a Xunta de Galicia actuou “con rapidez e eficacia” ante as inundacións da Mariña e Ortegal, algo do que “dan testemuña todos alí”, e que xa aprobou un decreto de axudas urxentes por importe de 5 millóns de euros.

Balseiro resaltou que xa na noite do día 9 de maio existía un operativo despregado na Mariña en apoio dos servizos de emerxencia dos concellos, coordinado pola delegada provincial da Xunta en Lugo, o director xeral de Emerxencias e Interior e outros responsables da Administración autonómica. O operativo pasou a ser coordinado polo propio conselleiro de Presidencia un día despois, no que se desprazou á zona, visita á que seguiron, nos días posteriores, as dos titulares de Medio Ambiente e Mar e do propio presidente Feijóo.

UTILIZACIÓN DO HELIPORTO DO HOSPITAL DA COSTA

O presidente da Xunta, resaltou Balseiro, visitou a zona “sen necesidade de pasearse en helicóptero nin de apropiarse do heliporto do hospital sen permiso e sen comunicación previa”, en referencia á visita da ministra de Medio Ambiente, cuxo helicóptero aterrou no heliporto do Hospital da Costa, en Burela, sen que mediara previamente  notificación nin solicitude, co que a ministra fixo “un uso indebido dos medios de titularidade pública”.

O deputado contrastou a rápida e eficaz xestión do actual Goberno autonómico fronte aos temporais de maio co acontecido co Bipartito ante o Klaus, “cando a Xunta de PSOE e BNG non só foi superada polos acontecementos, senón que actuou con improvisación e lentitude” e sen dar “o apoio debido aos veciños dos concellos afectados”.

Balseiro insistiu que, para abordar as consecuencias das inundacións sofridas na Mariña e en Ortegal, “o mellor que podemos facer é pedir que as distintas administracións se unan á Xunta en apoio dos concellos afectados”, xa que “só unha acción coordinada” permitirá “abordar con eficacia as reparacións nos bens e infraestruturas danadas”.

Exit mobile version