RIBADEO (FNC) .- BNG e PP aprobaron onte en pleno extraordinario a adxudicación das obras de mellora da travesía de Ribadeo á empresa Aquagest. PSOE e UPRI abstivéronse. O rexedor agarda que as obras comecen en breve e que causen as menores molestias aos veciños.
Fernando Suárez sinalou que “despois de que esta adxudicación quedara sobre a mesa no último pleno e que algún concelleiro, sobre todo por parte do PSOE e que despois seguiron os demáis, tamén incluido o noso, decidimos deixalo sobre a mesa para que se puideran estudiar con máis calma as baremacións, as puntuacións, todos os argumentos técnicos que obraban nese expedente. E despois de que todos os concelleiros tiveran tempo dabondo para preguntarlle tanto aos técnicos xurídicos como aos arquitectos extremos diferentes deste expedente… finalmente aprobóuse por 8 votos a favor e 5 abstencións desta obra tan importante para Ribadeo”.
O alcalde considera que “moita desta polémica se tería evitado si o Ministerio de Fomento licitase directamente a obra. A obra é adxudicada polo pleno, os criterios son aprobados polo pleno, toda a tramitación quen a aproba é o pleno e non o alcalde e o que estiven intentando facer foi impulsar este asunto para que todo poida estar a tempo e non teñamos problemas de cara á xustificación a finais de ano desta obra tan importante”.
Suárez Barcia amosóuse sorprendido polas críticas do PSOE que “se enroca nuns argumentos, cando tiveron tempo e tempo para mirar cos técnicos os proxectos. Os tres arquitectos firman unha proposta sólida e sen fisuras con argumentos obxectivos, cales son as puntuacións que en definitiva suman e propoñen un orde determinado e é Aquagest a empresa mellor e máis competente para facer esta obra. A partir de aí hai unha serie de manifestacións por parte do portavoz do PSOE, que desde logo chaman a atención, cando non hai ningún informe en contra sobre a adxudicación de todo este proceso”.
Ao rexedor ribadense tamén lle chama a atención que “o que máis lle preocupe ao portavoz de UPRI é quen vai inaugurar estas obras. Nós non estamos preocupados deso, senón porque a obra se faga e se faga ben e si remata antes do noso mandato eu comprométome a que a inauguremos os 13 concelleiros dos catro grupos políticos da Corporación. Que non se preocupe o señor Rivas porque tanto os grupos que apoiaron esta obra coma os que se abstiveron, todos estaremos nese acto inaugural. Nós non miramos ese tipo de cuestións, senón que nos preocupamos porque as cousas se fagan ben, que se fagan con arreglo á legalidade vixente, apoiándose en informes técnicos e non en rumoroloxías. Ese é o noso proceder desde o primeiro momento, si ben é certo que hai 20 días esto quedou enriba da mesa, o noso grupo tamén apoiou esa postura para disipar calquera dúbida e agora despois de todos estes días tivémolo moi claro, entendemos que non nos desviamos de ningún criterio técnico e a mellor oferta foi a dunha da empresa que foi a quen o pleno por oito votos a favor e cinco abstencións decidiu adxudicar esta obra”.
E agora “o que toca é traballar para que se faga canto antes coas mínimas molestias posibles, ainda que hai que ter en conta que boa parte desta obra ten que estar xustificada en decembro deste ano. Farémola por tramos para que molesten o menos posible, pero serán unhas obras que lle cambiarán a faciana a unha parte importante do viario público da nosa vila”.