NOTA DE PRENSA
Emma Álvarez Chao salientou que a falta de avances nese sentido por parte do Goberno central obriga a volver reclamar a modificación da normativa para incluír esa esixencia
O PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE UNHA INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA QUE NO ETIQUETADO DE TRAZABILIDADE DE CARNE SE INCORPORE A COMUNIDADE AUTÓNOMA OU A PROVINCIA ONDE NACEU E SE CEBOU O ANIMAL
* A iniciativa pretende que se distinga con claridade a procedencia dos animais que saen dos matadoiros galegos “para que o consumidor final, en calquera punto de venda, teña claro cál é a súa procedencia” e evitar “agravios comparativos entre carnes procedentes doutros lugares e as producidas en Galicia sen estar amparadas polo label de claidade de Ternera Gallega”, xa que a trazabilidade dos mesmos vai moito máis detallada.
Santiago, 25 de xuño de 2010.- A Comisión de Agricultura do Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade unha iniciativa do Grupo Popular pola que se insta á Xunta a demandar da Administración Xeral do Estado a modificación da normativa para esixir que no etiquetado de trazabilidade de carne se incorpore a Comunidade Autónoma ou a provincia onde naceu e se cebou o animal. A deputada popular Emma Álvarez Chao salientou na súa intervención de defensa da proposición non de lei que a falta de avances nese sentido por parte do Goberno central obriga a volver reclamar a modificación da normativa para incluír esa esixencia.
Álvarez Chao lembrou que hai un ano esa mesma comisión aprobara, cos únicos votos do seu Grupo, unha iniciativa semellante. Sen embargo, no tempo transcorrido non houbo unha resposta positiva por parte do Goberno de Zapatero para cumprir esa demanda. A deputada resaltou que a trazabilidade da carne de vacún, “a máis esixente das que se están a aplicar hoxe en día”, ten por obxectivo fundamental a seguridade alimentaria e busca a transparencia na información ao consumidor.
Sen embargo, defendeu ir “un pouco máis aló”, de xeito que sirva tamén “de instrumento comercial en defensa da carne producida polos nosos gandeiros”, mediante a especificación da provincia ou Comunidade autónoma nos que o animal naceu, foi cebado e sacrificado na etiqueta de trazabilidade. Na actualidade só figura o país como referencia sobr eo lugar de nacemento, cebo e sacrificio.
FONDA PREOCUPACIÓN PARA O SECTOR GANDEIRO
“Con esta medida trátase de solventar un problema que supón unha fonda preocupación para o sector gandeiro da nosa Comunidade”, apuntou Emma Álvarez, quen lembrou, nese sentido, que nos matadoiros galegos mátanse reses de gando, maioritariamente vacún, procedentes de distintas Comunidades, “chegando así ao mercado pezas de carne que poden ser vendidas como Tenreira de Galicia”. A iniciativa pretende que se distinga con claridade a procedencia dos animais que saen dos matadoiros galegos “para que o consumidor final, en calquera punto de venda, teña claro cál é a súa procedencia” e evitar “agravios comparativos entre carnes procedentes doutros lugares e as producidas en Galicia sen estar amparadas polo label de claidade de Ternera Gallega”, xa que a trazabilidade dos mesmos vai moito máis detallada.
A Xunta de Galicia, engadiu a parlamentaria, “pouco pode facer neste senso” xa que o etiquetado regúlao un Decreto da Comunidade Europea, “pero o Goberno central ten potestade para facer que estre sexa máis esixente”.