A MARIÑA .- O Observatorio da Mariña pola Igualdade apoia a manifestación convocada para o vindeiro sábado 26 de xuño en Burela pola Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública na Mariña, colectivo do que forma parte. A adhesión do Observatorio a esta plataforma vén motivada polos efectos negativos da actual política sanitaria da Consellería de Sanidade, que non só non permite mellorar a calidade da atención, senón que podería levar a unha redución considerábel da actual carteira de servizos. As consecuencias negativas desta política afectan potencialmente a toda a poboación mariñá, pero ademais repercuten de xeito específico sobre as mulleres, en última instancia fomentando comportamentos discriminatorios con elas.
En primeiro lugar, se ben a redución de servizos médicos inevitabelmente implicará o desprazamento obrigatorio a outros centros de moitas persoas enfermas (homes e mulleres indistintamente), a función de acompañante do/a enfermo/a que case sempre desempeñan as mulleres convérteas en seres máis vulnerábeis. A este respecto, cómpre lembrar que as mulleres son aínda quen maioritariamente se encargan do coidado das persoas maiores, das crianzas e das persoas dependentes, e por tanto en moitas ocasións as mulleres terán que desprazarse a outros centros non só como pacientes, senón tamén como acompañantes.
Así mesmo, o recorte orzamentario experimentado pola sanidade pública provoca que a día de hoxe as mulleres da Mariña non teñan posibilidade de accederen a un parto natural, a menos que saian fóra da comarca. A situación tocante á interrupción voluntaria do embarazo é semellante, malia tratarse dun dereito das mulleres garantido pola lei.
Por último, outro indicador do deterioro que está a sufrir a sanidade pública na Mariña é a proliferación de centros médicos privados nas principais vilas desta comarca. A carestía do servizo privado non fai máis que aumentar a desigualdade na poboación en xeral, facendo que só aquelas persoas con recursos económicos poidan acceder a servizos que lles deberían ser proporcionados na sanidade pública. A situación afecta de forma especialmente grave ás mulleres, xa que polas particularidades da súa saúde (os estudos demostran que padecen máis patoloxías crónicas ca os homes) adoitan ter que acudir con maior frecuencia a estes servizos de saúde.
Por todo o anterior, o Observatorio da Mariña pola Igualdade estará presente na manifestación convocada pola Plataforma Cidadá pola Defensa da Sanidade Pública, e anima a toda a poboación a apoiar esta medida reivindicativa para esixir unha sanidade pública de calidade que ademais garanta o principio da igualdade.