CERVO .- A corporación de Cervo abordará mañá a aprobación dos presupostos municipais para o presenta ano nunha sesión de carácter ordinario que dará comezo ás 9 da mañá. O goberno municipal contempla uns gastos de 5,2 millóns de euros nos orzamentos de 2010
Nota de Prensa
A corporación decidirá a aprobación das contas municipais nunha sesión que comezará ás 9 da mañá
O GOBERNO MUNICIPAL CONTEMPLA UNS GASTOS DE 5,2 MILLÓNS DE EUROS NOS ORZAMENTOS DE 2010
* O Executivo que preside Alfonso Villares continúa co plan de austeridade posto en marcha o ano pasado para limitar os gastos correntes
* As contas municipais do presente exercicio caracterízanse pola férrea contención do gasto público salvo en materia de servizos sociais, programas educativos, seguridade, cultura e limpeza
* As previsións para este ano reflicten tamén unha menor recadación derivada do frenazo económico derivado da crise
Cervo, 24 de xullo de 2010.- A corporación de Cervo abordará mañá a aprobación dos presupostos municipais para o presenta ano nunha sesión de carácter ordinario que dará comezo ás 9 da mañá. O Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, explicou que o Goberno Municipal elaborou un orzamento para o exercicio 2010 que prevé un investimento en gastos por valor de 5.202.571,77 euros e uns ingresos de 5.449.821,73 euros. Deste xeito as contas municipais rexistrarán no presente ano un superávit económico por importe de 247.249,96 €, o que implica unha aposta decidida polo saneamento da Facenda municipal, xa que o desequilibrio a favor dos ingresos ten por obxecto compensar o remanente de tesourería negativo do exercicio de 2009.
Segundo Villares, o presuposto municipal do 2010 é “a aposta decidida do grupo de Goberno polo saneamento da Facenda municipal” e se basea nun férreo control do gasto público, “pero sen deixar de lado a política de investimento, interesando doutras administracións a necesaria colaboración e cooperación no desenvolvemento económico, social e cultural do noso concello” dixo o alcalde.
MENOS INGRESOS, MENOS GASTOS
No capitulo de ingresos o rexedor local sinalou que, a pesares de de sufrir una rebaixa do 28,32% con respecto ao presuposto do 2009, os ingresos previstos no orzamento do 2010 destacan fundamentalmente por un incremento do capitulo das transferencias correntes nun 11,10% grazas sobre todo ao aumento no conxunto das subvencións recibidas neste ultimo ano procedentes de outras administracións “e máis concretamente as recibidas dende a Xunta de Galicia” sinalou.
Por outra banda, o rexedor destacou de xeito negativo a previsión feita nestes orzamentos da Participación nos Tributos do Estado, a cal diminuíu de 811.782,98 € no 2009 a 760.000,00€ no exercicio 2010, “50.000 euros menos aos que hai que sumar os 150.000 euros que deixamos de percibir do Estado dende o ano 2008 debido á revisión que o Goberno central efectuou na tributación dos Bens Inmobles de Características Especiais” lembrou Villares.
No que atinxe ao apartado de ingresos en concepto de de subvencións o rexedor sinalou que se consignaron un total de 208.000 €, o que supón en termos porcentuais una diminución do 85,07% con respecto ao ano anterior. Sobre este particular o mandatario cervense dixo que este presuposto foi elaborado de xeito cauto e realista. “Non quixemos incluír cifras que aínda non están oficialmente materializadas opor parte doutras administracións como a Xunta de Galicia, pero estamos convencidos de que teremos que ir a unha modificación dos orzamentos á alza en moi poucos meses porque temos a certeza de que esta partida se vai modificar nos vindeiros meses coa concreción das previsións de investimentos importantes como a Residencia-centro de Día ou o espazo de ocio e esparcemento de San Ciprián”.
Con respecto ao capitulo de gastos, Villares indicou que a partida máis importante neste eido é a referida aos soldos do persoal, cantidade á que haberá que aplicar a redución contemplada polo Goberno Zapatero nun 5% en termos anuais do soldo dos traballadores públicos; medida que producirá efectos dende o mes de xuño. Neste apartado o alcalde salientou a necesidade de destinar unha cifra ao soldo dos traballadores municipais “porque significa que seguimos apostando en destinar todo ese persoal a garantir o alto nivel de servizos públicos que se están a ofrecer dende este concello”.
No que respecta ao capitulo de gastos en bens correntes e de servizos cumpre salientar unha contención do gasto en 21.592,92 €, o que representa unha baixada do 1,4% respecto do ano 2009, “o que significa que continuamos a facer realidade o plan de austeridade posto en marcha xa o ano pasado para limitar os gastos correntes como material de oficina, subministros, etc.., pero sen que afecte ao que atinxe ao relacionado con servizos sociais, programas educativos, seguridade, cultura e limpeza”.
Por último, no que se refire a gastos de capital hai que salientar o apartado de investimentos reais, os cales pasan de 1.470.060,06 € (2009) a 516.126,40 € (2010). “Unha merma considerable, pero ao igual que acontece no capitulo de ingresos, hai que ter en conta que por principio de prudencia non se recolleu investimentos para obras coma a xa mencionada área de ocio e de esparcemento en San Ciprián ata que non se firme o correspondente convenio, que suporá un compromiso firme de aportación. Tamén está previsto que a longo do exercicio chegue a Resolución da Xunta de Galicia concedendo a subvención para o Centro de Día-Residencia en San Ciprián, polo que inicialmente non se recolle en orzamentos ata que se realice a oportuna modificación orzamentaria”.
Para Villares, con este presuposto o Grupo de Goberno segue apostando pola austeridade “e axustase á realidade dos tempos que estamos a vivir, pero sen abandonar en ningún momento a alta cantidade de servizos como os que se ofrecen neste concello, sobretodo no campo da Educación e da Cultura, onde as cantidades de investimento para este ano non so non diminúen, se non que aumentan”..