RIBADEO (FNC) .- O equipo de goberno no Concello de Ribadeo seguirá a traballar como o veu facendo ata o de agora. Así se pronunciou hoxe o rexedor, Fernando Suárez, despois de que concluise o prazo de presentación da moción de censura que deixaría ao BNG sen a alcaldía de Ribadeo. Os orzamentos municipais de 2010 quedan, polo tanto, aprobados definitivamente.
Desde o grupo de goberno manifestan que “presentamos esta cuestión de confianza porque Ribadeo non se podía arriscar a traballar cun presuposto prorrogado. Tentamos chegar a acordos cos sindicatos dos traballadores municipais e non foi posible, pedímoslles aos outros partidos que fixesen aportacións e como non recibimos resposta algunha decidimos presentar esa cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos”. E engaden que “tomamos a decisión arriscándonos a perder a alcaldía de Ribadeo para tentar cumprir co noso compromiso coa xente e empregando todos os instrumentos que a lei nos permite”.
Nestas semanas de incertidume o equipo de goberno “seguiu a traballar, estivemos preocupados polas chuvias, polas desfeitas ocasionadas no noso concello e pola precariedade económica que nos afecta ao igual que ao resto dos concellos da zona. A moción de censura non nos sacou o sono, non estivemos nin estamos para perder o tempo en intrigas. O único que queríamos e o único que queremos é facer cousas por Ribadeo”.
O alcalde sinalou que “sempre falamos con todos os grupos para chegar a acordos e facer cousas polo noso concello, fixémolo no 2007, hoxe e mañá. Hai unha chea de mostras de que eso sempre foi así”. Suárez Barcia suliñou que “no ano queda ata as vindeiras eleccións municipais seguiremos facendo o mesmo que ata o de agora, que é traballar con todos os mecanismos que a lei pon ao noso alcance. A aprobación dos orzamentos é moi importante para facer obras en camiños das parroquias, en rúas da vila, para o fondo social contra a crise que creamos hai uns meses… Con estes orzamentos de 2010 eses proxectos poderán sair para adiante, senón sería imposible”.