CERVO .- A concelleira de Medio Ambiente de Cervo, Pilar Armada, asegurou que “unha boa parte de culpa” de que a praia do Torno non acadara a bandeira azul foi debido “ao resentimento político” dos socialistas cervenses e dos responsables do bipartito na Xunta.
Nota de Prensa
ARMADA CUALIFICA DE “RESENTIMENTO POLÍTICO” AS CRÍTICAS SOCIALISTAS POLA XESTIÓN DE PRAIAS DO CONCELLO
* A edil cervense lembrou que os socialistas pagaron preto de 400.000 euros para que non se fixera o proxecto de saneamento de San Ciprián inicialmente previsto
* Esta obra tiña un orzamento de 6 millóns de euros e foi rescindida polo goberno bipartito da Xunta nada máis chegar ao Goberno autonómico
Cervo, 5 xuño de 2010.- A concelleira de Medio Ambiente, Pilar Armada, asegurou hoxe que “unha boa parte de culpa” de que a praia do Torno non acadara o galardón de Bandeira Azul foi debido “ao resentimento político” dos socialistas cervenses e dos responsables do bipartito na Xunta. “Dende Cervo fixeron todo o posible para que os seus compañeiros de partido, daquela con responsabilidades de Goberno na Xunta, rescindiran o contrato do proxecto inicial de saneamento de San Ciprián nada máis chegar á Xunta. Os socialistas preferiron gastar case 400.000 euros en rescindir ese contrato antes de darlle a San Ciprián un investimento de seis millóns de euros, e por iso, os veciños tiveron que esperar ata agora para que a obra puidera saír por fin adiante, porque si é por eles San Ciprián aínda non tería saneamento. E todo co único obxectivo de prexudicar ao Goberno local, pero sen darse conta de que os únicos damnificados en todo isto foron os veciños desta vila”.
Bandeira azul no Torno
Armada recoñeceu que as analísticas das augas tomadas no mes de setembro neste areal polos responsables de avaliar a concesión do galardón de Bandeira Azul coincidiron coa época das inundacións sufridas na vila e co inicio das obras de saneamento en San Ciprián “e os seus resultados amosaron que eran aptas para o baño, aínda que non excelentes”, requisito necesario para acadar a Bandeira Azul. Neste sentido precisou que no que vai de ano estes resultados volveron a rexistrar o grao de excelente.
Reforzo de servizos
Asegurou tamén que o Concello está xestionando o reforzo dos servizos en todas as praias do concello, tanto no número de socorristas como tamén no que atinxe ao servizo de limpeza das praias “e pronto toda a xente poderá comprobar que o que din os socialistas de perda de servizos en materia de praias non é mais que unha sucesión de mentiras malintencionadas sen fundamento algún”.
A edil cervense quixo lembrarlles aos socialistas que durante o Xunta bipartita o Concello de Cervo non contou con ningún tipo de axuda en materia de limpeza de praias “e por parte da Deputación aínda foi peor, porque nin tan sequera se dignaron a contestar as nosa peticións para poder usar a motoniveladora provincial para adecentar as praias e tivemos que facelo polos nosos medios” recalcou.
Por último, Armada recordou que a obra do saneamento de San Ciprián é unha actuación moi necesaria que vai permitir garantir un servizo básico que arranxará o problema da eliminación e depuración dos vertidos ao mar coa construción da nova depuradora que se está levantar no polígono de Cuíña. “Por iso, estou convencida de que unha vez finalicen as obras, O Torno vai recuperar a Bandeira Azul, porque será entón cando si se poderá garantir que os nosos areais cumpren coa normativa europea medioambiental”.