Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Burela apoia a manifestación da Plataforma para recuperar os servizos sanitarios

BURELA (FNC) .- O alcalde, Alfredo Llano, amosa o seu apoio e o do equipo de goberno á manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña para o vindeiro sábado 26 de xuño ás 12 da mañá en Burela. O rexedor considera que non se pode permitir a perda de servizos na sanidade tanto na comarca como no Hospital da Costa.

Llano lembrou que “no pleno que tivemos o pasado 11 de xuño no Concello de Burela decidimos apoiar a petición da Plataforma Sanitaria da Mariña. A sanidade é un servizo básico que hai que manter e incrementar, foi unha loita de moita xente durante motísimos anos e agora non podemos renunciar a nada. A pesares da crise e de quen estea ao mando hai dúas cuestións básicas que son a sanidade e a educación, que deben estar sempre por enriba de calqueroutra necesidade”.

O rexedor de Burela tamén se referiu ao Hospital da Costa que “da servizo a máis de 80.000 persoas, cifra que se incrementa e moito durante o verán. Consideramos que debe ter moita importancia no mundo sanitario na nosa comunidade. Entre todos debemos incrementar os servizos que poida ofertar, medios, recursos humanos, todo aquelo que sexa beneficioso para a colectividade. Por todo esto estamos de acordo coa plataforma e pensamos asistir á manifestación convocada para o vindeiro sábado ás 12 da mañá”.

Llano denunciou que “no Hospital da Costa hai especialidades para as que non se da cita nin normal nin preferente, como en cardioloxía, en traumatoloxía, en uroloxía. Os otorrinos que antes facían operación dúas veces por semana agora fanas dúas veces ao mes, hai operacións e probas que se están a desviar á sanidade privada, hai moitas listas de espera, hai servizos que diminúen e eso non pode ser baixo ningún concepto”.

O alcalde burelés tamén abogou por “contar cun área sanitaria única, de tal xeito que o noso hospital sexa completamente autónomo no ámbito económico e dos recursos humáns, é mellor que o xerente xestione directamente co Sergas as necesidades do centro sin interferencias doutras persoas ou institucións. Non queremos unha xerencia integrada en Lugo”.

Alfredo Llano tamén se referiu ás críticas vertidas nos últimos días desde o PP e sinalou que “o partido que agora está na Xunta debe procurar que o Hospital da Costa vaia para arriba e non para abaixo, os seus dirixentes andan dicindo que non hai razón para esta manifestación, pero eu considero que sí hai motivos e preocupación na Mariña. Hai algún responsable do PP que afirmou e reafirmou en moitas ocasións que o servizo de autopsias ía estar recuperado no mes de marzo ou de abril e a día de hoxe aínda estamos sen el. O que preocupa é que pouco a pouco imos perdendo servizos e eso non pode ser. Eu animo á xente a que loite por unha boa sanidade pública, á marxe de quen estea no goberno, non se poden perder os logros conseguidos durante moitos anos”.

Exit mobile version