Nota de Prensa
ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NOS ACTOS DE CELEBRACIÓN DOS 25 ANOS DA FESTA DA MARUXAINA
CERVO, 20 de xuño de 2010. O delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, asistiu á Concentración de Maruxainas que se celebrou hoxe, domingo día 20 de xuño, na Prazoleta de San Cibrao. O acto ten por obxectivo conmemorar os 25 anos desta festa que se celebra cada segundo sábado de agosto en San Cibrao, e na que os visitantes, e sobre todo os veciños e veciñas do concello se caracterizan con traxes típicos e aparellos e renden homenaxe á Maruxaina. A asociación que organiza o acto, Amigos da Maruxaina, agradeceu a colaboración prestada pola Deputación de Lugo e demais institucións para a celebración desta festa conmemorativa.
Como parte desta homenaxe tamén se inaugurou unha exposición na Casa da Cultura baixo o título de Maruxaina: 25 anos da festa, dunha lenda, deste pobo, e se levaron a cabo actos do 25 aniversario como o descubrimento da placa conmemorativa e o xantar de irmandade.
Segundo conta a lenda, a Maruxaina é unha serea que se sobe a unhas penas cando hai treboada e dende alí toca o corno, non se sabe se coa finalidade de avisar aos mariñeiros do perigo ou para enganalos e levalos ao naufraxio. Cada segundo sábado de agosto, dende hai 25 anos, tráese a serea da cova onde habita ata a terra para ser xulgada.