Site icon Crónica3.com A Mariña

As entidades sociais de Burela irán a Soutomaior a recepción do premio Peña Novo concedido ao concello

BURELA (FNC) .- Unha expedición formada por representantes do Concello e do conxunto das entidades sociais representadas na localidade reuniranse ás 15:30 horas de mañá mércores, día 30 de xuño, na estación de autobuses de Burela para saíren con destino ao Castelo de Soutomaior, onde ás oito da tarde, no transcurso dun acto solemne, recollerán o Premio Peña Novo.

O citado galardón, que recoñece os méritos das institucións públicas, entidades privadas e funcionarios a prol da normalización lingüística, foille concedido ao Concello de Burela por un xurado formado por Carlos Varela, fiscal superior de Galicia; Valentín García, en representación do Concello da Estrada; María Sol López, profesora de Filoloxía da USC; Xosé Manuel Tato, director xeral da área de Urbanismo no Concello de Pontevedra; Guillermo Fontán, membro da Fundación Lois Peña Novo; Guadalupe Rodríguez, concelleira de Normalización Lingüística en Santiago de Compostela, e Carme Pérez Vaquero, do Concello de Redondela. Segundo o xurado, que tamén valorou o labor do Foro de Avogados de Lugo e do académico Ramón Lourenzo, o Modelo Burela de Planificación Lingüística favorece a “inculturización da numerosa comunidade internacional asentada no seu territorio”.

A expedición de Burela que mañá viaxará a Soutomaior estará encabezada polo alcalde e a concelleira de Cultura, Alfredo Llano e Neves Cando, xunto coa responsable de inmigración Concepción Pernas, o director da longametraxe documental Modelo Burela Matías Nicieza (por medio do seu traballo audiovisual o xurado coñeceu a realidade da integración social existente en Burela) e María José Andión Fontela, coordinadora do Proxecto de Innovación Educativa do Instituto Perdouro (onde naceu a iniciativa). Está tamén previsto que viaxen os integrantes da Comisión Municipal de Planificación Lingüística que forman a concelleira de Educación, Lucía Bouza, os edís do PP Cristóbal Edrosa e Luís Miguel Pedre e o profesor Bernardo Penabade. Ademais dunha representación dos diferentes centros de ensino do termo municipal viaxarán integrantes das directivas das asociacións culturais, do deporte, da industria e do comercio locais.

Exit mobile version