A MARIÑA .- O conselleiro de Presidencia visitou zonas da Mariña afectadas polas fortes choivas das últimas horas e destacou que o operativo habilitado pola Xunta de Galicia para minimizar as incidencias causadas polas intensas choivas funciona “adecuada e coordinadamente”.
Nota de Prensa
O conselleiro de Presidencia visita as zonas da Mariña lucense afectadas polas fortes choivas das últimas horas
Alfonso Rueda destacou que o operativo habilitado pola Xunta de Galicia para minimizar as incidencias causadas polas intensas choivas funciona “adecuada e coordinadamente”
As precipitacións rexistradas entre as 23.00 horas de onte e as 12.00 horas de hoxe teñen provocado 56 anegamentos e 24 incidencias por verquidos en estradas
Santiago, 10 de xuño de 2010.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, desprazouse esta mañá ata a Mariña lucense para visitar as principais zonas afectadas polas choivass acontecidas nas últimas horas nesta zona. Concretamente, visitou os concellos de Cervo, Burela e Barreiros, onde reuniuse cos seus alcaldes, aínda que tamén mantivo contacto cos rexedores de Lourenzá, Viveiro e Ribadeo, co presidente da Deputación de Lugo, José Manuel Gómez Besteiro, que tamén se tiña desprazado á Mariña lucense.
Alfonso Rueda estivo acompañado en todo momento pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; e o xerente da Axega, Juan José Muñoz.
O conselleiro destacou que o operativo habilitado pola Xunta de Galicia, en coordinación cos concellos afectados e a Deputación de Lugo, para minimizar as incidencias causadas polas intensas choivas rexistradas na Mariña lucense funciona” adecuada e coordinadamente”.
Balance de incidencias
As precipitacións rexistradas entre as 23.00 horas de onte e as 12.00 horas de hoxe teñen provocado ata 56 incidencias relacionadas principalmente anegamentos de vivendas, baixos comerciais e garaxes. Así mesmo tamén se teñen producido 24 incidencias por verquidos en estradas debido á caída de pedras, terra, árbores ou pola creación de bolsas de auga en estradas.
Os concellos máis afectados están a ser Barreiros, Burela, Cervo, e Ribadeo, aínda que tamén houbo incidencia relacionadas coas chuvias en Lourenzá, Foz,Viveiro e Xove.
As incidencias máis destacables que se rexistraron están relacionadas con estradas secundarias e locais cortadas nos concellos de Xove, Foz, Cervo, Ribadeo, Lourenzá, Viveiro e Trabada; así como ás que afectaron ao tramo da liña férrea Ferrol-Ribadeo. Neste último caso, a incidencia máis destacada foi a colisión dun tren contra unha árbore no concello de O Vicedo, que afortunadamente non tivo feridos.
Grupo de Apoio Loxístico
Ante as predicións meteorolóxicas recibidas a última hora de onte, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) enviou á Mariña lucense ao seu Grupo de Apoio Loxístico, dotado cun remolque para achiques e dun Posto de Mando Avanzado, que quedou instalado no Concello de Barreiros pasada a medianoite.
En dito posto estivo a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; e o xerente da Axega, Juan José Muñoz; así como responsables de distintos grupos de intervención e corpos de seguridade.
Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (MATI), a través da Administración Hidráulica de Galicia, puxo en marcha desde a sete e media desta madrugada, un operativo dun total de 13 persoas, que nestes momentos se encontran, principalmente, no Concello de Cervo.
A MATI informa de que, respecto da situación dos viais, o incidente máis salientable na rede de estradas autonómica produciuse na estrada da Costa, á altura do punto quilométrico 93, no Concello de Xove. A causa dos arrastres de terras, procedentes dos desmontes que se están a realizar nas obras da VAC Celeiro-San Cibrao, cubriuse parte da calzada de dito vial. Non obstante, coa colaboración da maquinaria do concello procedeuse a retirar o material que obstruía a circulación, restablecéndose a mesma a primeira hora da mañá. Nestes momentos atópase un retén de vixilancia para evitar novos desprendementos.
En relación co resto de viais, os dispositivos do Servizo de Conservación de Estradas están en permanente alerta co obxectivo de actuar naqueles puntos nos que se produzan incidentes. Nestes momentos estase a despexar a estrada LU-102 á altura de Viveiro, logo dun desprendemento que tivo lugar esta mañá.
Segundo as predicións meteorolóxicas, durante a xornada de mañá, venres, continuarán as chuvias con carácter persistente, pero a previsión apuntan a que irán perdendo intensidade, quedando os acumulados xa por debaixo dos 40 l/m2 durante toda a xornada. O dispositivo habilitado pola Xunta de Galicia continuará en plena actividade ata que se recupere a normalidade na zona.