Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello pedirá que Burela sexa declarada zona catastrófica polos danos do temporal de choivas

BURELA (FNC) .- O Concello tentará que Burela sexa declarada zona catastrófica tras os importantes danos causados polas chuvias destas días. A situación vai volvendo á normalidade pouco a pouco.

O alcalde asegurou que “se normalizou bastante a situación, os regatos baixaron moito o seu nivel, aínda que haberá que estar pendentes. Non cremos que se produzan novas inundacións, estamos vendo que van aparecendo desprendementos de terras, lodos e pedras en moitos puntos como Vila do Medio ou A Casilla polos embolsamentos de auga”.

Alfredo Llano asegura que “todas as canalizacións e sumidoiros quedaron afectados tras as trombas de auga das últimas horas, teremos moito traballo para facer unha limpeza xeral, será difícil e costoso. Houbo moitos danos e inundacións en casas, en garaxes, en negocios… o que faremos será analizalo en profundidade e tentaremos que Burela sexa declarada zona catastrófica ou especialmente afectada por este temporal de auga. As axudas van ser moi necesarias”.

A Concellaría de Mar decidiu suspender a proba do campionato galego de motos acuáticas que ía celebrarse mañá na praia de O Portelo. Remedios López explica que “seguimos a traballar en fomentar dos deportes acuáticos, pero por motivos de seguridade decidimos suprimir esta cita e buscar unha data máis axeitada para a súa celebración”.

Exit mobile version