RIBADEO (FNC) .- As Concellarías de Xuventude e Cultura organizan varias actividades de verán para os nenos. Haberá tres campamentos urbanos, deportes, maxia, teatro e actividades no telecentro.
A edil de Cultura e Educación, Mariluz Álvarez Lastra, anunciou que “haberá os campamentos urbáns que viñemos tendo ao longo destes anos, serán durante todo o mes de xullo e estarán divididos por idades. A primeira semana de xullo do 5 ao 9 será para os máis pequenos, os nados entre 2004 e 2006, chámase campamento Arco da Vella, consta de 50 prazas e o horario será de 11 a 13:30 horas. Logo haberá o campamento Pirata do 19 ao 23 de xullo con horario de 11 da mañá a sete da tarde, polo que os participantes comerán e merendarán alí, é para os nenos de 6 a 9 anos. E o campamento para o último tramo de idade será para os rapaces de 10 a 15 anos e terá lugar do 26 ao 30 de xullo de 11 a 19 horas, inclúe a comida, a merenda e unha noite a dormir no colexio esa semana. As actividades que levarán adiante serán no recinto, pero tamén haberá saídas como rutas de sendeirismo, visitas a Viveiro e Cerceda…”.
A concelleira nacionalista subliñou que “o prazo de inscrición ábrese o vindeiro 15 de xuño e as prazas son limitadas. Para os máis pequeniños o número é de 50, ao igual que para o tramo de 6 a 9 anos e para os maiores son 90 as prazas que se ofertan. A cuota será de 20, 40 e 50 euros respectivamente. Os interesados en participar poden anotarse na OMIX ou chamar por teléfono desde o 15 de xuño ao 982 120 808. Os pais que estean a atravesar por dificultades económicas deberán comunicalo, para artellar as medidas sociais necesarias e que así poidan ter acceso a ese fondo social que puxemos en marcha no Concello para este tipo de casos, non queremos que ningún neno quede sen participar nestes campamentos de verán”.
As actividades de verán que organiza o Concello de Ribadeo tamén contemplan “sesións no telecentro para nenos a partires de 3 anos, serán durante todos los días en dúas quendas de 10:30 a 12 e de 12 a 13:30 horas. Os rapaces de Ribadeo tamén poderán participar en actividades deportivas como torneos 3 x 3 e disfrutarán de teatro e de maxia nas rúas de Ribadeo, tanto en xullo como en agosto”.