RIBADEO (FNC) .- O Concello de Ribadeo segue a traballar para tentar recuperar a normalidade nas parroquias que se viron afectadas polas inundacións destes días. O alcalde manifestou que “tratamos de facilitar o acceso a algunha vivenda, o camión de incendios está a desatoar pasos de auga para que volten ao seu canle, estamos facendo tamén tarefas de baldeo nalgunhas casas…”.
Fernando Suárez agarda a que “o luns chegue a maquinaria pesada que nos vai enviar a Xunta para levantar a barrancada de terra que caeu na estrada Reme-Vilamar e así comezar os traballos que permitan restablecer o subministro de auga a moitas parroquias do interior de Ribadeo. Son tarefas complicadas e días duros porque o depósito podería quedar sen auga e teríamos que levar a auga ata alí no camión de incendios”.
O rexedor sinalou que “os técnicos municipais están a realizar un inventario por parroquias recollendo todos os danos causados por estas chuvias, pero centrándonos sobre todo nas pontes, eso é o máis urxente así como os accesos ás vivendas. Estamos fotografiando e identificando todo o que está danado e o luns enviaremos un informe á Xunta, á Deputación e ao Ministerio de Fomento para que coñezan as necesidades que temos. A cuantía dos danos excede a capacidade que ten o Concello para afrontar esta situación”.
Suárez Barcia tamén anunciou que “o luns convocarei á xunta de voceiros para analizar o acontecido e a posible solicitude de declaración de zona catastrófica ou similar para Ribadeo”.