Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo traballa para restablecer a normalidade despois do temporal

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares indicou que o seu municipio está a vivir no día de hoxe unha xornada “de certa calma, pero sen poder baixar a garda”.

Segundo indicou, tras dous días de intenso traballo do dispositivo de emerxencia despregado polo Concello para facer fronte ás enchentes derivadas das choivas os traballadores municipais e o servizo de Protección Civil municipal continúan hoxe traballando de xeito coordinado cos servizos de emerxencias despregados pola Xunta de Galicia para solucionar paulatinamente os problemas ocasionados no municipio por este fenómeno meteorolóxico.

“Actualmente parece que os momentos máis críticos xa os temos superados, aínda que tampouco podemos dicilo con rotundidade e por iso permanecemos en alerta. Estamos intentando ir a tódolos lugares onde se nos require para procurar solucionar os problemas que van xurdindo” indicou o alcalde. “Despois de ter que afrontar un día como o de onte, está claro que a cousa non podía ir a peor, pero aínda así seguimos a ter problemas e non podemos baixar a garda” dixo Villares, que destacou a labor de tódolos efectivos municipais e agradeceu a axuda prestada pola Xunta de Galicia, que destinou dende o día de onte no municipio un par de equipos da axencia galega de emerxencias (AXEGA) para actuar diante de calquera posible emerxencia que puidera xurdir.

Restablecer a normalidade

O alcalde sinalou que unha vez se estabilice o tempo e deixe de chover será o turno de restablecer a normalidade no concello e de facer unha valoración detida e minuciosa de tódolos danos ocasionados polo temporal. “Está claro que unha vez remita a choiva teremos que poñernos mans á obra para atallar tódolos desperfectos ocasionados por este temporal e tamén deberemos facer unha relación de danos para coñecer realmente cales son as dimensións reais destes tres días de auga”. A este respecto Villares confiou en que tanto a administración central como a provincial e a autonómica aporten a súa axuda “económica, material e humana” para que Cervo “restableza canto antes a súa fisionomía habitual”.

Servizo de auga

O alcalde sinalou tamén que os traballadores municipais dos servizos de Augas e de Obras están traballando dende primeiras horas da mañá para restablecer o subministro de auga en varios puntos do municipio onde as canalizacións quedaron cortadas debido á forza da choiva. “Tiñamos un problema de subministro no núcleo de Cervo que xa quedou solventado e agora os operarios están a traballar para restablecer o servizo de auga en puntos de Figueirido e de San Ciprián” indicou Villares, que destacou especialmente a labor destes traballadores municipais “xa que levan tres días traballando arreo e sen apenas descansar”.

Exit mobile version