Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela volverá pedir á Xunta a construción dunha nova escola infantil

BURELA (FNC) . O goberno de Burela reiterará no vindeiro pleno previsto para o 10 de xuño a petición á Xunta de construción dunha nova escola infantil en Burela. A tenente de alcalde e concelleira de Benestar Social, Neves Cando, asegura que se trata dunha necesidade prioritaria e urxente para as familias da vila que viron como 20 nenos e nenas quedaron sen praza para o curso 2010-2011.

A edil nacionalista anunciou que “no pleno que imos celebrar a vindeira semana imos reiterar a nosa petición dunha nova escola infantil para Burela porque a situación, que xa plantexáramos en decembro do ano pasado á Xunta, continúa. Segue a aumentar a lista de demandantes de prazas da nosa escola”.

Neves Cando explicou que “desde hai máis de tres anos a demanda de prazas na escola de Burela é unha realidade que medra cada curso e as nosas familias non teñen ningún outro tipo de oferta educativa neste tramo que vai dos 0 aos 3 anos. Esta é unha franxa que representa case o 3’5% da nosa poboación total, entre 300 e 350 nenos son os potenciais usuarios da nosa escola infantil e as 120 prazas que temos resultan insuficientes para atender a demanda deste tipo de servizo como demostran os resultados dos procesos de baremación e matrícula dos últimos anos. En xuño de 2007 quedaron nove nenos e nenas sen praza, en xuño de 2008 esta cifra aumentou ata 16 ao igual que en xuño de 2009. Posteriormente na baremación que se fixo no pasado mes de decembro xa eran 27 os nenos que quedaron fora e agora despois do proceso realizado a finais de maio e de cara ao curso que ven son 20 tamén os nenos e nenas que non teñen praza”.

A concelleira de Benestar Social engade que “ante estes datos consideramos que é necesario e urxente acometer as obras de construción dunha nova escola infantil en Burela posto que ano tras ano son moitas as familias que non poden optar a unha praza na actual escola e o ritmo de nacementos para nada fai aventurar que esta tendencia vaia diminuír”.

Cando lembrou que “na petición que realizamos o ano pasado apuntábamos a posibilidade de utilizar as instalacións da céntrica Casa do Mar de Burela para habilitar espazos para esta nova escola infantil. A día de hoxe nada sabemos da Xunta sobre a nosa petición e por iso a reiteramos porque a situación é cada vez máis clara de necesidade desta nova escola e porque cremos que é prioritaria e urxente a súa construcción para as familias de Burela”.

Exit mobile version