Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello cambia a ubicación da depuradora para o saneamento de Cervo e Figueirido

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou esta mañá que os técnicos encargados da redacción do proxecto final da nova rede de saneamento de Cervo e Figueirido terán en conta a suxestión do grupo de Goberno local de trasladar o emprazamento inicialmente previsto para construír a depuradora de augas residuais incluída nesta actuación para outro punto máis afastado do núcleo de Cervo.

“Unha vez estudado o tema primeiro sobre a mesa de traballo e agora sobre o terreo, os técnicos tamén ven máis axeitado desprazar a situación da depuradora a unha zona uns 200 metros río abaixo respecto da situación inicial” indicou Villares. Isto permitira, segundo o rexedor cervense, un mellor rendemento desta infraestrutura “ao tempo que reducirá moi sensiblemente o seu impacto visual, posto que se construirá nun emprazamento do río máis apartado, o que contribuirá a a preservar o entorno paisaxístico do río Xunco e do núcleo de poboación de Cervo”.

Este cambio no proxecto inicial carrexará un pequeno atraso no arranque das obras, as cales estaban previstas que deran comezo este mes de xuño. “Hai que reelaborar o proxecto de obra para que se recolla este cambio de emprazamento da EDAR, o que poderá dilatar o inicio dos traballos nun par de meses, polo que contamos que as obras poderán estar en marcha á volta do verán” sinalou o alcalde. Neste senso salientou que este pequena dilación no arranque das obras “merecen moito a pena” xa que “será moi beneficiosa para todos os veciños e veciñas de Cervo porque ademais de conseguir unha solución técnica máis beneficiosa e de maiores garantías para o seu bo funcionamento, tamén contribuiremos a preservar o contorno privilexiado do río Xunco”.

As obras do saneamento de Cervo e Figueirido foron adxudicadas o pasado mes de xaneiro pola Consellería de Medio Ambiente á unión temporal de empresas “Vivendas e Obras Civís-Passavant”, por un importe de preto de 1.200.000 euros. Deste xeito medio ambiente, a través de Augas de Galicia, financiará o cento por cento desta obra na que se levarán a cabo diversas actuacións para resolver a carencia da rede de saneamento destes núcleos de poboación.

Este tipo de infraestruturas básicas son consideradas polo Goberno local de Cervo como prioritarias para o desenvolvemento harmónico do concello. Neste último ano dende esta administración local estanse a intensificar as xestións para conseguir mellorar e garantir que estas redes de servizos básicos cheguen a tódolos habitantes do termino municipal.

Exit mobile version