ALFOZ .- O comité dos traballadores da empresa de Costiña de Alfoz acordou “manifestar o noso apoio e total adhesión á Plataforma en defensa da sanidade na Mariña”
Nota de PRENSA
Trasladamos acordo Comité de Empresa de “Costiñas, .” no que queremos manifestar o noso apoio e total adhesión á “Plataforma en defensa da sanidade na Mariña.”
Consideramos inaceptabel que se desmantelen servizos sanitarios da nosa comarca e de especial importancia para o concello en que traballamos, así como que se merme a calidade asistencial aos mariñáns e mariñás por recortes orzamentarios na Xunta de Galicia. Non é de recibo que en vez de avanzar, asentar e incluso mellorar os servizos que se nos prestan na asistencia primaria coa paralización do “Plan Mellora” que se suma á parálise nas dotacións tanto materiais como de servizos para o Hospital da Costa que atenden a mais de 72.000 persoas dos 14 concellos da área Sanitaria, estes se vexan recortados e ameazados coa centralización da xestión sanitaria en Lugo, en aras dunha suposta austeridade que noutros ámbitos non se ve, e que por riba teñamos que ser os pacientes os que teñamos que asumir, en constantes viaxes a Lugo, os custes económicos, en tempo e en molestias que esa nova política sanitaria da Xunta vai provocar.
É inadmisibel que teñamos que ser, unha vez máis, os cidadáns de pe, os traballadores e as traballadoras as que teñamos que pagar os pratos rotos dunha crise que nos non provocamos. Alén diso debemos salientar que as comarcas non urbanas como a nosa Mariña temos o mesmo direito a unha sanidade pública.
É por isto que, ademais de adherirnos á Plataforma, acudiremos e fomentaremos entre os traballadores e traballadoras da nosa empresa, a presenza masiva na Manifestación que esta convoca para o sábado 26 de xuño en Burela.
PORQUE COA SANIDADE NON SE XOGA,
TODOS E TODAS A BURELA O DÍA 26.
COMITÉ DE EMPRESA DE “Costiña SL”