SANTIAGO .- O vindeiro 3 de xullo, no marco das celebracións polo Día do cooperativismo galego en Pazo Baión e coincidindo co Día Internacional das Cooperativas, farase entrega dos galardóns do certame de cooperativismo no ensino dirixidos a colexios de infantil, primaria, secundaria e formación profesional, nos que tres centros da provincia de Lugo foron premiados.
O xurado valorou o afianzamento e a promoción que fixeron os proxectos de cara a difundir os principais valores cooperativos como a solidariedade, a equidade e a axuda mutua.
Os alumnos gañadores que recollerán os galardóns no Pazo Baión son:
* Centro de Educación Infantil e Primaria San Miguel de Reinante de Barreiros: 1º Premio Categoría D: ‘Unha receita cooperativa’
E na modalidade dos premios aos proxectos empresariais cooperativos dos centros de Formación Profesional:
* Instituto de Ensinanza Secundaria As Mercedes de Lugo: Accésit ao proxecto empresarial finalista ‘Óptima, sociedade cooperativa galega’, premiado polo seu carácter innovador, xa que ten como obxecto a emisión de certificacións de eficiencia enerxética dos edificios, así como o seu mantemento, seguindo a liña da Unión Europea para o futuro é a redución drástica na emisión de CO2.
* Instituto de Ensinanza Secundaria Politécnico de Lugo: Accésit ao proxecto empresarial finalista ‘Altrote’ polo seu compromiso coa mellora da calidade de vida mediante a posta en marcha dunha escola infantil no concello de Becerreá cun centro ecuestre que ten como singularidade a actividade de hipoterapia para nenos discapacitados.
Convocados de maneira anual, estes premios parten do obxectivo de fomentar e difundir o cooperativismo e os seus valores entre a comunidade escolar. Tendo en conta que o cooperativismo é recoñecido como a expresión práctica de valores sociais como a solidariedade, a igualdade ou a participación, a través destes galardóns se recoñecen as actividades que potencian e propician estes valores.
Nesta edición presentáronse centros de toda Galicia mediante proxectos que engloban xogos cooperativos, exposicións ou visitas a cooperativas.
Os galardóns do certame de cooperativismo no ensino están dirixidos a todos os centros de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria de Galicia, podendo participar nas modalidades de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo (establecéndose catro categorías diferentes en función do nivel de ensino dos participantes) ou na modalidade de actividades cooperativizadas (diferenciándose entre os alumnos de 1º e 2º de ESO):
Modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo.
A: alumnos/as de 2º ciclo de educación infantil.
B: alumnos/as de 1ºe 2º de educación primaria.
C: alumnos/as de 3º e 4º de educación primaria.
D: alumnos/as de 5º e 6º de educación primaria
Modalidade de Actividades Cooperativizadas dirixida ao alumnado de 1º e 2º da ESO:
E: alumnos/as do primeiro ciclo da E.S.O.
F: alumnos/as do segundo ciclo da E.S.O.
No mesmo acto se entregarán os premios aos proxectos empresariais cooperativos dos centros educativos de Galicia que imparten formación profesional específica. Neles o xurado tivo en conta a coherencia, orixinalidade e viabilidade económica dos proxectos empresariais, así como a súa relación co contorno no que se desenvolven.