Nota de Prensa
Os nacionalistas solicitan á Xunta que cumpran o compromiso do bipartito
O BNG solicita no Parlamento unha Residencia e un Centro de Día para Foz.
Foz, 9 de xuño de 2010.- O Bloque Nacionalista Galego ven de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza para instar ao Goberno Galego a que cumpra o compromiso do bipartito de dotar a Foz dun centro residencial de día con capacidade para 100 residentes en réxime completo e 50 que poidan facer uso do Centro de Día.
Segundo recordou Xoán Carlos Basanta “a Vicepresidencia da Xunta de Galiza comprometeuse en agosto de 2008 a construír dita Residencia con Centro de Día a través das declaracións do Vicepresidente da Xunta de Galiza unha vez que os terreos estiveran a disposición da Xunta (Voz de Galicia, 21 de agosto de 2008). Dita intención vese ratificada en escrito da Unidade Técnica de Obras e Proxectos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (nº de rexistro 1586) contestando ao ofrecemento dos terreos por parte do Concello relacionando as características que deberían reunir”.
O portavoz dos nacionalistas destacou que “o Concello de Foz é o segundo en poboación da Mariña despois de Viveiro sendo ao día de hoxe o único que non conta con Centro de Día nin con unha Residencia que cumpra con todos os requisitos técnicos e dotacionais axeitados aos tempos modernos. Incluso poboacións da Comarca da Mariña con menos peso poboacional contan actualmente con Centro de Día e/ou Residencia”. Basanta continuo lembrando que “en Foz están censados ao redor de 2.300 maiores de 65 anos, o Concello está adherido ao Consorcio e os terreos que ofrecen no contorno do actual asilo teñen a cualificación de solo dotacional tanto no Plan Xeral de Ordenación Municipal en trámite como nas Normas Subsidiaria”. Neste sentido o edil do BNG indicou tamén que a posta en marcha deste servizo operaría tamén no plano do emprego posto que a súa posta en funcionamento implicaría a creación de máis de 50 empregos públicos e de calidade, moi necesarios nunha etapa de destrucción de emprego como a que estamos a vivir.
O Bloque Nacionalista Galego insistiu que a demanda que o seu grupo leva ao Parlamento Galego responde a unha necesidade real do noso Concello pero tamén a unha proposta acordada por unanimidade entre os tres grupos da corporación local. Así Basanta recordou que “con data 27/03/2008 os tres grupos políticos da Corporación Municipal de Foz (PSOE, PP e BNG) acordaron solicitar da Xunta de Galiza unha Residencia de Anciáns para Foz que contase cun Centro de Día, facendo as xestións oportunas ao mesmo tempo para conseguir que o Patroado do Asilo de Foz cedese os terreos necesarios”. Segundo o Portavoz nacionalista sobre esta mesma cuestión volveu a manifestarse por unanimidade a Corporación de Foz con data 28/05/2009 que volveu a urxir a Xunta de Galiza sobre esta reivindicación.
Os nacionalistas agardan que a unanimidade existente en Foz ao respecto que teña reflexo nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro exercicio. “O Grupo que apoio ao Goberno Galego debe rectificar a posición mantida no debate dos Orzamentos do 2010 onde se negaron a recoller unha partida para esta actuación e apoiar o que defenden os seus compañeiros en Foz e que o propio PP recollía no seu programa das pasadas eleccións autonómicas”, lembrou Basanta quen demandou “que os orzamentos da Xunta de 2011 recollan os compromisos presupostarios que permitan que esta obra sexa unha realidade e que o seu remate estea garantido en 2013”.