NOTA DE PRENSA:
O BNG PRESENTA UNHA PROPOSICIÓN NO CONGRESO PARA QUE O GOBERNO REPARE CON URXENCIA OS DANOS DO TEMPORAL NA MARIÑA E HABILITE UN FONDO ESPECIAL PARA OS CONCELLOS AFECTADOS
Jorquera demanda ao Ministerio de Fomento que arranxe canto antes os destrozos ocasionados na liña ferroviaria, na A-8 e ao Ministerio de Medio Ambiente que proceda á limpeza do cauce do Eo
Madrid, 11 Xuño 2010. O portavoz do BNG no Congreso dos Depuados, Francisco Jorquera, rexistrou este mediodía unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Goberno a reparar urxentemente as infraestruturas e bens de titularidade estatal afectadas polo temporal que comezou o 9 de xuño.
Ademáis, o deputado do BNG demanda ao Goberno español que habilite un fondo especial para os concellos afectados da comarca da Mariña para que poidan facer fronte aos elevados custes ocasionados polos destrozos provocados polo temporal.
Nesta liña, Jorquera empraza ao Executivo noutros dous puntos da proposición, a mellorar a rede de canalización das augas pluviais nas áreas colindantes cos tramos da A-8. E reclama que a Confederación Hidrográfica do Cantábrico proceda á limpeza e restauración do río Eo e os seus afluentes.
Cuantiosos danos
Na súa iniciativa parlamentar, o deputado do BNG realiza unha descripción das consecuencias e os danos provocados polo forte temporal que asola á Mariña desde o 9 de xuño. Danos materiais e cuantiosas perdas económicas debidas ao impacto nas infraestruturas, nas propiedades privadas, nos negocios, e nas explotacións agro-gandeiras.
Jorquera pón de manifesto que as adversas condicións climatolóxicas colleron por sorpresa a esta comarca que “se atopou desprevenida ante a falla de alerta meteorolóxica nos dous primeiros días do temporal. Non houbo Plan de Emerxencias e as actuacións recentes por novas infraestruturas, así como a realización de procesos urbanizadores intensivos, alteraron o cauce normal das augas pluviais, o que agravou unha situación que pola intensidade da choiva se complicou”. Salienta o feito de que en concellos como o de Burela, se rexistraron máis de 150 litros por metro cadrado.
O Goberno central debe arranxar urxentemente as infraestruturas estatais
O deputado do BNG refírese ás infraestruturas de titularidade estatal afectadas como a liña ferroviaria de FEVE entre Ferrol e Xixón, que permaneceu pechada entre Ribadeo e Viveiro debido aos desprendementos. “O mesmo sucedeu coa A-8”.
O parlamentar nacionalista salienta tamén os danos producidos polos desbordamentos de ríos como o Eo. “Uns desbordamentos aos que tamén contribuiu o abandono e a deficiente atención por parte de organismos públicos respeito ao estado dos seus cauces”.
“Dado o contexto de crise económica, as perdas que se produciron na comarca veñen a agravar esta situación, especialmente no sector comercial que perdeu parte da súa mercadoría”, enfatiza o deputado do BNG.