Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG insta ao goberno galego a que negocie unha solución que protexa o xacemento arqueolóxico da Atalaia

NOTA DE PRENSA

O BNG INSTA AO GOBERNO GALEGO A NEGOCIAR CO PROMOTOR CON LICENZAS DE CONSTRUCIÓN NA ZONA UNHA SOLUCIÓN QUE PROTEXA O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DA ATALAIA

Informes técnicos recomendan á Comisión Provincial de Patrimonio a conservación do castro da Atalaia in situ o que fai incompatíbel a execución dos proxectos de construción previstos para a zona

Os informes poñen de relevancia o alto valor histórico e cultural o que lle confire gran importancia para coñecer a historia da Mariña Luguesa

O BNG levará a pleno a continuación de escavacións arqueolóxicas en terreos públicos de Portos do Estado

Cervo, 4 de xuño de 2010. A Comisión Provincial de Patrimonio reunida o pasado 27 de maio emitiu ditame de acordo amparada en informes técnicos valorativos das escavacións arqueolóxicas en área de dous expedentes correspondentes a sendas parcelas onde se proxecta a construción de dous edificios para  32 e 26 vivendas no Castro da Atalaia. De acordo con este ditame a importancia histórica e patrimonial do xacemento confírenlle un especial valor para coñecer a historia da Mariña Luguesa polo que recomendan a conservación in situ do xacemento tal como xa tiña determinado a anterior Dirección Xeral de Patrimonio polo que esta conservación e incompatíbel cos dous proxectos arquitectónicos con licenza municipal previstos para a zona o estaba prevista a construción de 58 vivendas. O BNG agarda unha resolución definitiva que preserve o xacemento para o que será necesario chegar a acordos co promotor e instará ao pleno a solicitar a Costas actuacións en terreos públicos.

Novos informes avalan a intención da anterior Dirección Xeral de Patrimonio de conservar in situ o xacemento arqueolóxico de Punta Atalaia

Novos informes arqueolóxicos avalan as intencións da Dirección Xeral de Patrimonio do anterior goberno galego de conservar in situ o xacemento arqueolóxico de Punta Atalaia, as recomendacións emitidas por técnicos de patrimonio levaron o pasado 27 de maio á Comisión Provincial de Patrimonio a emitir un ditame no que se acorda a “informar a favor da conservación in situ dos vestixios arqueolóxicos e considerar que os proxectos arquitectónicos con licenza municipal son incompatíbeis con esta conservación”. Os dous informes referidos á escavación arqueolóxica e área de dous predios nos que un promotor ten licenza municipal para a construción de 32 e 26 vivendas deixan clara a importancia do Castro da Atalaia como ben histórico e cultural de primeira magnitude “atribuíndolle unha especial relevancia para o coñecemento da historia da Mariña Luguesa”

O acordo da Comisión Provincial de Patrimonio obriga a negociar de inmediato co promotor solucións que permitan a conservación e posta en valor do xacemento

O BNG entende que este ditame obriga ao goberno galego a negociar de inmediato co promotor, que ten concedidas dúas licenzas municipais de construción na zona, unha solución que dea protección ao xacemento e permita a súa conservación e posta en valor. Os nacionalistas lembran que “as ordes de paralización das obras de construción están xa caducadas e non se emitiron novas ordes polo que o promotor podería facer valer os seus dereitos”. Neste sentido o portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, lembrou que si o goberno local houbera actuado no seu día con responsabilidade non teríamos hoxe este problema xa que coñecían perfectamente a existencia de restos arqueolóxicos na zona antes de conceder as licenzas xa que así viña recollido no avance do PXOM”. Estúa engadiu que outro dos predios que tamén contiñan importantes vestixios arqueolóxicos, “non puido salvarse da destrución polo incumprimento do goberno local  durante días dunha orde de paralización emitida pola anterior Delegación Provincial de Patrimonio”

Os informes instan á continuidade da escavación do xacemento en terreos públicos de Portos do Estado que o BNG levará a pleno

Os informes técnicos emitidos agora, ademais de explicar relevancia do xacemento, fan mención “á posibilidade de ampliar a intervención en terreos de titularidade pública”, en referencia aos terreos de Portos do Estado, “recuperando así un conxunto de notábel interese para a historia antiga e medieval da Mariña Luguesa”. Neste sentido Estúa lembrou que “o BNG xa pediu ao Subdelegado do Goberno do Estado en Lugo e ao Xefe Territorial de Costas nunha recente visita a Cervo, actuacións de recuperación do xacemento en terreos da súa competencia”. Incidindo nesta cuestión o nacionalista anunciou a presentación dunha iniciativa no pleno da corporación de Cervo na que se insta a solicitar ao departamento de Costas a levar adiante actuacións de estudo e recuperación arqueolóxica en terreos públicos en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza.

Exit mobile version