Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG e o PSOE de Ribadeo fan un chamamento conxunto para a defensa do Hospital da Mariña

NOTA DE PRENSA:
COMUNICADO CONXUNTO DO BNG E DO PSdeG DE RIBADEO

CHAMANDO Á DEFENSA DO HOSPITAL COMARCAL DA MARIÑA

Desde o PSdeG e o BNG de Ribadeo queremos animar a todas as mulleres e homes ribadenses, e da Mariña en xeral, a defender o mantemento e desenvolvemento do noso Hospital Comarcal. Non podemos consentir que unha reivindicación histórica para a Mariña lucense, como foi o Hospital Comarcal, e que tantos esforzos custou sacar adiante, poida verse en perigo por unha política de recortes que nos prexudica a todos e todas.

O vindeiro sábado 26 de xuño, ás 12 da mañá, temos que proclamar alto e claro, polas rúas de Burela, que a Mariña lucense vai defender con firmeza a sanidade pública, nomeadamente o seu Hospital Comarcal. Temos que evitar que, ao calado, se vaian baleirando de contido as prestacións sanitarias e que despois teñamos que acudir a Lugo para recibilas; temos que impedir, así mesmo, que o noso Hospital Comarcal perda autonomía e a planificación e dirección da súa actividade pase a decidirse noutros hospitais.

Por todo iso, o BNG e o PSdeG ribadenses convidan a todos os cidadáns e cidadás de ben, con independencia da súa cor política, e que estean preocupados por unha prestación sanitaria pública e de calidade, a defender cívica e pacificamente o seu Hospital Comarcal. Porque vai en beneficio de todos e todas nós. Para evitar recuar cara ao pasado, deamos un paso adiante o vindeiro sábado 26 de xuño acudindo a Burela a proclamar que non imos consentir o desmantelamento gradual e o deterioro das prestacións sanitarias no Hospital Comarcal da Mariña.

Exit mobile version