Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove pide un plan de apoio aos autónomos

NOTA DE PRENSA
O BNG de Xove pide un plan de apoio aos autónomos

O Bloque Nacionalista Galego presentará unha moción na Cámara Municipal de Xove onde solicitará a posta en marcha dun Plan de Apoio aos Autónomos da localidade. O propósito do BNG é que o Pleno da Corporación inste á Xunta para que abandone a súa “inmobilidade” e promova sen atrancos “o acceso dos autónomos ao crédito”.

Desde o BNG de Xove observan con preocupación que no último ano tres mil autónomos engrosaron as listas de parados na Mariña, a meirande parte deles por problemas de liquidez. Segundo o responsábel local do BNG xovense, Marco López, isto “obriga ás Administracións Públicas a tomar a iniciativa” e crear liñas específicas de financiamento que permitan o acceso deste colectivo aos préstamos. Estas medidas, desde o punto de vista do Bloque, poderíanse desenvolver polo Instituto Galego de Promoción Económica. Un organismo, o IGAPE, que naceu coa finalidade de promover e fomentar o investimento produtivo no noso país.

Para o BNG, a caída do consumo fixo moito dano tanto na hostelaría coma no sector do comercio, campos nos que a Xunta ten competencias plenas e onde, de haber disposición, se debería ter intervido hai tempo co obxectivo de darlle continuidade á actividade económica.

Do mesmo xeito, Marco López quixo lembrar que as políticas activas de emprego tamén son competencia da Xunta e que, desde o cambio de goberno, o paro vén aumentando exponencialmente en toda a nosa bisbarra: “o que é un síntoma claro de ineficacia na xestión do PP”, asegurou, “tendo ademais en conta a preferencia dos populares pola propaganda inútil antes que polo traballo produtivo”.

Exit mobile version