Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove pide que se promovan as Unidades de Xestión Forestal para crear emprego

Nota de Prensa

O BNG de Xove pide que se promovan as Unidades de Xestión Forestal para crear emprego

O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción no Pleno de Xove onde pediu con argumentos sólidos un apoio explícito para a xestión produtiva dos nosos montes, apoiada na dirección das Comunidades de Propietarios, como medida xeradora de  riqueza e duns postos de traballo valiosísimos nestes tempos.

O portavoz do Bloque no consistorio xovense, Xesús Fernández Bouza, lembrou que o anterior goberno da Xunta creou as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) ao abeiro da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Bouza explicou polo miúdo que esta maneira de xestionar o monte realízase en común, tras o agrupamento de parcelas estabelecido e formalizado pola correspondente Asemblea de Propietarios.

Desde o BNG de Xove incidiuse en que, entre outros beneficios, este novo xeito de administración redunda na recuperación da propiedade forestal abandonada, optimiza a rendibilidade económica do monte, permite o acceso a importantes axudas de repoboación e mais á utilización de equipamentos industriais que serían moi custosos de utilizar en pequenas propiedades, e diminúen considerabelmente o risco de incendio.

O grupo municipal nacionalista instou o goberno municipal de Xove a que esixa da actual Xunta de Galiza un compromiso para que se continúe o traballo iniciado polo bipartito e non deixen morrer o traballo ben feito do anterior executivo, xa que desde o cambio de goberno os propietarios asisten con temor á paralización do proceso de constitución das Unidades de Xestión Forestal, así como dos traballos comprometidos e iniciados (como as labores previas de desbroce, apertura de pistas, plantacións, etc).

Marco López, responsábel local da formación xovense, advertiu que a ausencia dunha rendibilidade solvente da pequena propiedade forestal que compense o esforzo, leva moitas veces ao abandono dos nosos montes ou a un “esforzo investidor dos particulares” que lastra as adelgazadas economías das familias.

Exit mobile version