Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG critica que o centro da Terceira Idade de Viveiro siga fechado e fose privatizado

NOTA DE PRENSA:
Os nacionalistas critican que o centro siga fechado e fose privatizado.

O BNG concentrase o Sábado 12 de Xuño ás 12:00

diante da Residencia da Terceira Idade de Viveiro

O Bloque Nacionalista Galego convoca unha concentración dos seus cargos orgánicos e institucionais para o vindeiro Sábado 12 de Xuño ás 12:00 diante da Residencia da Terceira Idade de Viveiro a fin de esixir a apertura da mesma coa máxima urxencia e denunciar a política privatizadora dos servizos públicos que está a levar adiante o Goberno galego.

Segundo Antonio Veiga “é autenticamente escandaloso que unha residencia como a de Viveiro co número de prazas que ten tanto para aptos como dependentes siga fechada a día de hoxe, se temos en conta o número de maiores da nosa Comarca que están en lista de agarda para poder acceder a unha praza de residencia. Isto só se explica desde a perspectiva que para o PP as políticas para os maiores non son unha prioridade política, máis aínda os maiores para o PP son pura mercadoría electoral”. Na mesma liña o Portavoz Comarcal do BNG criticou “ que se poida ter iso aínda fechado, cando día si e día tamén vemos como existe esa demanda de prazas. Non deixa de ser curioso que a hora de recortar o PP sempre recorte con que menos ten ou paraliza aquilo que pode ser un impedimento para o negocio privado”.

Os nacionalistas que afirmaron que a apertura da Residencia vai significar a creación de máis de cen postos de traballo directo, criticaron que a Xunta de Galiza aplique políticas totalmente opostas a aquelas que se levan adiante nos estados europeos con menos desemprego. Veiga recordou “que as taxas de desemprego dos países escandinavos son tan baixas pola grande cantidades de persoas ocupadas no que se coñece como a economía do benestar, isto é nos servizos sociais. Que o PP non axilice a apertura da residencia de Viveiro implica que máis de cen persoas este desocupadas, posto que a residencia da terceira Idade pasará a ser un dos principais centros de traballo en canto a man de obra ocupada da Comarca.Esta claro que para o PP non é unha prioridade a creación de emprego”, recalcou Veiga quen denunciou como “unha auténtica canallada o mercádeo que algúns responsábeis políticos están a facer con eses postos de traballo”.

O Portavoz Comarcal do BNG denunciou tamén a privatización do centro no momento que a Xunta vendeu a participación pública as caixas galegas e a posición mantida polos dous grupos maioritarios no Concello de Viveiro a favor desa xestión privada. Veiga afirmou que “a privatización vai significar que os criterios de renda van seguir a ser un condicionante para que un galego ou unha galega poidan aceder a un centro coma xeriátrico, vai significar unha merma na calidade asistencial e unha precarización nas condicións laborais dos traballadores do centro. Asemade a ausencia de control público é unha coartada para que o funcionamento das mesmas non veña dada polas necesidades da poboación senón polo interese de negocio dos titulares do complexo. Neste sentido sería bo saber en que cantidade a Xunta de Galiza vendeu a súa participación as caixas, algo que a día de hoxe descoñecemos, porque a residencia de Viveiro fíxose tamén con diñeiro que era de todos os galegos”.

O Responsábel Comarcal do BNG denunciou a paralización por parte do Goberno de Feijoo das actuacións que tiña aprobadas en materia de servizos sociais o Goberno Bipartito na Comarca da Mariña así como de moitas actuacións como a residencia de Viveiro que están rematadas e a día de hoxe seguen sen utilizar. Segundo lembrou Veiga “agás a Galescola de Foz que abriu a mobilización veciñal o resto das infraestruturas están paradas. É un territorio sen cobertura social é un territorio con menos calidade de vida para o conxunto da poboación, pero tamén un territorio con menos posibilidade de poboación ocupada”.

Exit mobile version