NOTA DE PRENSA:
“A contía das axudas da Xunta non dan nin para pipas”, afirma Veiga
O BNG considera unha esmola as axudas do Goberno Galego para.
O Bloque Nacionalista Galego considera unha auténtica tomadura de pelo a Comarca o paquete de axudas que anunciou o Presidente da Xunta para facer fronte aos danos provocados polo temporal na Comarca da Mariña. “É evidente que a cantidade anunciada polo Goberno Galego é absolutamente insuficiente para poder facer fronte ao estrago que as inundacións provocaron no conxunto dos Concellos da Mariña, até o punto de que a cantidade anunciada polo Goberno Galego é inferior aos danos valorados polos Concellos” afirmou Veiga. Segundo o portavoz nacionalista isto quere dicir que a Xunta vaise desentender xa non só de facer fronte aos desperfectos provocados nos bens de titularidade pública senón que deixa tirados aos centos de particulares, negocios e explotacións agrogandeiras afectadas polo temporal.
O Responsábel Comarcal do BNG criticou que outra vez máis o Goberno Galego deixe só aos Concellos para facer fronte ás actuacións que van ter que acometer para restaurar o estado no que ficou a rede viaria así como o conxunto das infraestruturas de titularidade municipal igual que fixo nos días do temporal onde os medios da Xunta brillaron pola súa ausencia e as previsións climatolóxicas volveron a fallar como noutras ocasións. Neste sentido os nacionalistas denuncian que é particularmente preocupante que non se proceda a abrir liñas de axuda específicas para particulares, negocios e explotacións agrogandeiras que sufriron cuantiosas perdas nun momento especialmente complicado para as mesmas. “A Xunta de Feijoo deixa só fronte ao catastrofe aos veciños da Mariña e non vale como escusa razoamentos de tipo xurídico, posto que tanto no Klaus como nas riadas de Vilagarcía o Goberno galego estableceu axudas para estes sectores” explicou Veiga.
Os nacionalistas que presentaron iniciativas tanto no Parlamento de Galiza como nas Cortes do estado denunciaron tamén a posición da Ministra Espinosa que na súa comparecencia do senado primeiramente esqueceuse de falar de Galiza e unha vez que foi interpelada ao respecto polo Senador Pérez Bouza anunciou medidas pero estas non tiveron ningún tipo de concreción. A este respecto desde o BNG anunciaron que os representantes nacionalistas en Madrid están negociando co conxunto dos grupos a fin de que se estableza un paquete de axudas específico para o noso País como o Goberno está a presentar para Asturias. “Estamos na de sempre Galiza non existe para o Goberno do Estado, Galiza só aparece cando o BNG está presente” afirmou Veiga quen anunciou que na vindeira semana debaterase no Congreso a proposta dos nacionalistas.
O BNG insistiu que estas inundacións puxeron en evidencia que A Mariña non está preparada para facer fronte a unha situación como esta polo que demandaron tamén a posta en marcha con urxencia de medidas preventivas. Neste sentido Veiga esixiu que “tanto augas de Galiza como a Confederación Hidrogáfica do Norte poñan xa en marcha un plano de limpeza e mantemento dos ríos da zona, posto que o estado no que se atopaban de abandono absoluto contribuíron en boa medida a agravar a situación. Non é de recibo que a día de hoxe nin a administración galega nin a estatal anunciaran actuacións da rede hidríca da Comarca”. Asemade o Portavoz Nacionalista volveu a reclamar “que se executen as obras precisas para mellorar as canalizacións dos terreos colidantes coas novas vías de comunicación existentes na Comarca, que non de xeito casual foron das máis afectadas polo temporal de auga”.