Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG asegura que defende o carácter público na xestión dos parques de bombeiros comarcais

Nota de Prensa

O BNG DEFENDE O CARÁCTER PÚBLICO NA XESTIÓN DOS PARQUES DE BOMBEIROS COMARCAIS

O grupo provincial do BNG considera que non se poden privatizar directamente estes servizos e si camiñar cara un modelo equilibrado de empresa cuxa xestión estea controlada polas institucións públicas

Antón Bao, representante do BNG no Consorcio do Servizo contra Incendios, defendeu o sistema de xestión público que integre ás diferentes institucións implicadas (Xunta, Deputación e Concellos) nun sistema de empresa pública

Lugo, 25 de xuño de 2010. O grupo provincial do BNG, a través de Antón Bao, vicepresidente da Deputación e representante do BNG no Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incencios e Salvamento, manifestouse ao participar na xuntanza do Pleno do Consorcio desta mañá en contra dun sistema de xestión privado no parque de bombeiros provincial e defendeu que “os servizos de emerxencia deben estar suxeitos a modelos de xestión que garantan o carácter público do servizo e a unificación do mando e das condicións de traballo”. Neste sentido, Antón Bao, defendeu o sistema de xestión público que integre ás diferentes institucións implicadas (Xunta de Galiza, Deputación de Lugo e Concellos) nun sistema de empresa pública.

Segundo explicou Antón Bao, “a aposta pola privatización, mercantilización e desmantelamento de todo tipo de servizos públicos que está a levar a cabo da Xunta de Galiza do PP implica diminuír a calidade do servizo e precarizar e reducir o emprego”. Antón Bao lembrou que o “cambio de filosofía deste proxecto de parques de bombeiros para Lugo responde unicamente aos intereses da nova Xunta de Galiza con Feijóo á fronte, que impuxo a modificación dos anteriores estatutos do Consorcio asinados polo bipartito e que camiñaban na dirección totalmente contraria, é dicir, na defensa dun servizo público contra incendios e salvamento que responda á salvagarda da cidadanía e non a intereses de beneficio empresarial”. Antón Bao expresou que desde o BNG “consideramos importante a apertura o máis axiña posíbel dos parques comarcais de bombeiros, seguindo o modelo que defendemos”.

Antón Bao afirmou que “a dinámica da empresa privada pretende o máximo beneficio co mínimo custe, a conta do rebaixe da calidade do servizo da redución do persoal, de baixos salarios, contratos temporais e precariedade laboral  dos seus traballadores e traballadoras”, polo que se reafirmou en que “o BNG sempre defendeu o público fronte ao privado á hora de aplicar a xestión directa dos servizos de emerxencias ou, como neste caso, asegurar un modelo de empresa pública participada polas administracións que sexa viábel mais que en todo momento garanta unha xestión plenamente pública dos seus recursos, garantindo tamén os dereitos e condicións laborais dos traballadores e traballadoras, nun momento de crise no que necesitan toda a protección posíbel nos seus empregos”.

Por esta razón, desde o BNG a través de Antón Bao, defendeuse que o modelo ideal a seguir para a prestación e xestión dos servizos de emerxencias e salvamento tería que integrar de xeito equilibrado á parte pública (as diferentes administracións) e a participación privada, estabelecendo unha empresa pública para xestionar os servizos onde en todo momento prevaleza a capacidade de control público para que continúen a ser servizos de calidade. Segundo Bao afirmou, “é a única maneira de garantir que non se reduza o emprego e empeoren os servizos prestados, xa que deste xeito evítase que ese traballo sexa realizado mediante empresas privadas subcontratadas que procuraren abaratar custes para obter o maior beneficio posíbel en detrimento do servizo e precarizando as condicións laborais”.

Exit mobile version