RIBADEO (FNC) .- O alcalde, Fernando Suárez, vailles propoñer ao resto dos grupos políticos con representación no Concello unha posición conxunta ou maioritaria para demandarlle á Xunta que manteña no IES Dionisio Gamallo Fierros o bacharelato de adultos na modalidade presencial.
O rexedor asegurou este mediodía que “como alcalde de Ribadeo estou francamente preocupado por estas noticias que estou vendo na prensa e en escritos formais presentados polo claustro de profesores do IES Dionisio Gamallo Fierros nos que amosan a súa preocupación, compartida por este goberno municipal, sobre o cambio de modalidade no bacharelato para adultos que pasará de ser presencial a semipresencial”.
Fernando Suárez explicou que “iso ocasiona que se reduza a unha hora á semana por asignatura, isto parécenos absurdo cando aquí en Ribadeo hai uns 18 alumnos matriculados, cifra que para nada ten que ver coas argumentacións da Xunta que di que suprime o servizo porque non ten demanda, pero no caso de Ribadeo non é certo. Últimamente a matrícula foise incrementando porque hai máis xente no paro e mentras están nesa situación queren ampliar os seus estudos, dentro de toda esta xente hai unha porcentaxe moi importante de mulleres que logran elevar a súa autoestima porque moitas veces non puideron ter acceso a estes estudos. É tamén unha forma para que a xente busque maior cualificación de cara a conseguir un traballo, parécenos absurdo que con estas decisións A Mariña vaia quedar sen estes servizos de forma que alguén que queira facer o bacharelato para adultos terá que desprazarse ata Lugo. Un día falamos da sanidade agora da educación e non parece axeitado que isto se vaia consolidar así”.
O alcalde anunciou que “aproveitando que nuns días teremos un pleno ordinario, eu quérolle propoñer ao resto de grupos unha posición unánime e conxunta ou en todo caso maioritaria para demandar da Xunta que o bacharelato de adultos se siga a manter no IES Gamallo Fierros na modalidade presencial por demanda de alumnos e porque é algo que se necesita e non podemos perder este servizo que con tanto éxito se está a prestar nos últimos tempos, con gran éxito de matrícula, gran demanda e gran aceptación por parte dos alumnos”.
O Gamallo Fierros tivo matriculados durante este pasado curso en 1º de BACHEPA a 18 alumnos ademais doutros en materias soltas e en 2º houbo tamén outros 18 alumnos. Desde o claustro de profesores xa lle comentaron a Fernando Suárez que “co paso ao sistema semipresencial varios estudantes xa manifestaron a súa decisión de abandoar e tamén houbo casos de alumnos que acudiron ao centro a matricularse para o vindeiro curso e non o fixeron ao enterarse da orde da Consellería de Educación”.