Nota de Prensa
VILLARES SOLICITOULLE Á MINISTRA ESPINOSA O ARRANXO DAS INFRAESTRUTURAS DO ESTADO AFECTADAS POLAS CHOIVAS EN CERVO
* O alcalde cervense confiou en que a proposta feita onte polo presidente da Xunta de crear un mecanismo de coordinación entre as administracións para paliar os danos “non caia en saco roto”
Cervo, 17 de xullo de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, aproveitou a visita que fixo ao concello a ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, para solicitarlle o arranxo das distintas infraestruturas de titularidade estatal que se atopan no municipio e que se viron afectadas polo temporal de chuvia da semana pasada.
Espinosa e Villares visitaron a praia de Rueta, areal que sufriu o desmoroamento dos seus accesos “e polo tanto é unha obra que necesitamos se faga coa máxima urxencia, sobre todo tendo en conta que estamos a menos de dúas semanas de que se inicie a temporada de verán” dixo Villares. O alcalde tamén lle solicitou á representante do Goberno central que desde Madrid se acometan as medidas necesarias para corrixir os posibles erros de deseño no proxecto de melloras da estrada nacional 642 ao seu paso polo municipio “e cuxas obras foron en parte as causantes de que unha casa e un local de hostalería foran asolagados polas augas da semana pasada”.
Ao marxe destas peticións, Alfonso Villares valorou positivamente a presencia da ministra en Cervo. Do mesmo xeito que fixo no día de onte durante a visita do presidente da Xunta, o rexedor cervense solicitou da responsable de Medio Ambiente “todo o apoio de tódalas administracións para que este concello e esta comarca poda volver á normalidade canto antes” e confiou en que Espinosa dia a coñecer as previsións de axudas económicas que ten previsto habilitar o Goberno do Estado “do mesmo xeito que fixo onte o presidente Feijoó”.
Por último, Villares confiou en que a proposta feita onte polo presidente da Xunta de crear un mecanismo de coordinación entre as administracións estatais, provinciais e autonómicas para paliar os danos causados polas chuvias “non caia en saco roto” e se poda materializar canto antes “porque se o que queremos é conseguir voltar á normalidade no menor tempo posible é imprescindible que todos os actores implicados remen na mesma dirección” indicou.