Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela xestiona aumentar prazas de gardería e valora adaptar parte da Casa do Mar

BURELA (FNC) .- Responsables do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar viaxarán a Burela para analizar as propostas realizadas desde o Concello co obxectivo de incrementar o número de prazas da escola infantil. Foi o compromiso que lle arrincou o alcalde de Burela, Alfredo Llano, ao xerente do Concorsio, Roberto Rodríguez, no encontro que ambos mantiveron nas últimas horas.

O rexedor explicou que “nós queremos ampliar o servizo da gardería debido á demanda que temos, agora mesmo en xuño temos unha lista de espera de 20 prazas. O que pretendemos é que se habiliten novos espazos no ISM ou, si a demanda segue a medrar, construir unha nova escola infantil. Quedamos no compromiso de que os responsables do Consorcio visitarán Burela o antes posible para analizar as nosas propostas. Si no ISM puidéramos contar con 30 ou 40 prazas entón evitaríamos de momento a construcción dunha nova escola, aínda que a longo prazo será necesario afrontar este proxecto. Si para o vindeiro curso contamos con máis prazas poderemos dar un bó servizo e non quedaría ningunha familia sen poder levar aos seus nenos á escola infantil”.

Respecto institucional

Sobre a xuntanza mantida polo portavoz do PP en Burela, José María González Barcia, coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato “dicir que non conseguiu absolutamente nada neste tema polos comentarios que fixo á prensa. Eu creo moito nas relacións institucionais, si se perde o respecto institucional pérdese un pouco todo, o que non podemos é facer administracións paralelas. Si alguén non cre nas institucións, se non se cre na política que non se meta nela. O que non se pode facer son paralelismos administrativos que non teñen nada de lóxico e supoñen unha falta de respecto total. Este señor foi a Santiago a falar coa conselleira e nós temos solicitado institucionalmente unha entrevista con Beatriz Mato e non nos atende e recibe ao portavoz do PP ¿qué pretenden con esto? E encima ten o valor de recoñecer que non chegou a ningunha conclusión. Nós polo menos arrincamos o compromiso do xerente Roberto Rodríguez de vir a Burela e facer unha valoración dos locais e tratar de solucionar o problema, nós non nos adicamos a facer propaganda e fotos espureas que non teñen nada que ver coa realidade”.

Fundación Eu Son

Alfredo Llano tamén acompañou á xerente da Fundación Eu Son de Burela á Dirección Xeral de Dependencia e Autonomía Persoal. O rexedor relatou que “o que se pretendía era concertar 20 prazas para o centro de día construido, rematado e perfectamente preparado para prestar este servizo na nosa vila en Suafonte. Xa nos dixeron que neste ano sería imposible e que o ían estudiar para o 2011, comentaron que tentarían concertar 12, pero a demanda actual que temos xa supera esa cifra e esperemos que sexa unha realidade para o vindeiro ano”. Llano lembrou que “o centro de día foise facendo coa anterior Xunta, coa axuda da Deputación de Lugo e do Concello de Burela e non entendemos por qué razón se está retrasando a súa posta en funcionamento cando se trata dun servizo importantísimo para a nosa vila e para o resto da comarca. Agardaremos que esto chegue a bó porto, a partires de outubro quedaron de decirnos xa algo en firme e a ver si o vindeiro ano podemos contar xa con esas prazas”.

Exit mobile version