Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela critica a actitude que tivo o voceiro do PP co ministro de Fomento

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, considera que o respeto e a educación entre os políticos debe ser exemplar para o resto da cidadanía. E critica a actitude que tivo o pasado sábado co ministro de Fomento o voceiro do PP no Concello de Burela.

O rexedor indicou que “o comportamento do voceiro do PP non foi o máis axeitado, dado que asaltou a José Blanco, nada máis baixar do seu coche para expoñerille dúas preguntas cando non era o momento. Mostrou unha extraordinaria mala educación e pouco respecto institucional”.

Llano pensa que “o respecto e a educación entre os políticos debe ser case exemplar para o resto dos cidadáns e aquí saltouse á torera. Dicir que o ministro veu aquí sen contidos é facer unha valoración moi pobre e fora de lugar. Aquí falou de cousas moi importantes para o noso concello como o novo edificio da Capitanía Marítima. Unhas obras que comezarán despois do verán e que suporán unha inversión de dous millóns de euros. É un proxecto tamén de interese para o resto da comarca. Tamén aludiu ao corredor e incluso ás alegacións que nós presentamos e que se van tratar cumprindo cos prazos previstos para resolvelas e tamén dixo que a autovía do Cantábrico é unha preocupación máxima para o Ministerio de Fomento e que non se parará ata que remate. Son temas importantes para a nosa comarca e para o noso concello”.

O alcalde burelés cre que “o único que intentan criticando é minimizar a visita de José Blanco e os compromisos adquiridos con esta zona. O que ten que facer unha análise do seu comportamento é o señor Barcia, hai que ter respecto institucional e cara ás persoas e ese día mostrou todo o contrario”.

Soldos funcionarios e persoal laboral

Alfredo Llano mantivo esta mañá unha reunión cos representantes do persoal funcionario e laboral para falar do recorte salarial previsto polo goberno estatal e da RPT. O rexedor explicou que “se fixo unha valoración a través de Intervención sobre como se realizará dito recorte a través do decreto publicado no BOE do 24 de maio. Aí xa quedan moi definidas as táboas salariais e como se aplicarán para o persoal funcionario. E no caso do persoal laboral hai que ver a interpretación do decreto e máis da resolución, porque aínda non está moi ben definida a súa aplicación. Temos que ver o convenio municipal e temos que procurar que a relación sexa total entre o que indica o decreto e o que marca o Concello. A finais de mes voltaremos a analizar todo esto na mesa de negociación. Nós o que temos que facer é tratar de explicar, informar e resolver aquelas preocupacións que teñen os traballadores”.

Exit mobile version