Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Barreiros non quedou contento coa visita da ministra de Medio Ambiente

BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros e presidente da Mancomunidade de Municipios de A Mariña, Alfonso Fuente, amósase decepcionado tras o encontro mantido esta tarde en Burela coa ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa. O rexedor critica a falla de compromiso do Estado.

Fuente Parga sinalou que “a reunión foi un pouco decepcionante, onte saíamos ilusionados do encontro co presidente da Xunta porque se comprometía a aprobar hoxe un decreto de axudas para paliar os danos causados polo temporal e así foi, e ademais se comprometeu a axudar nos desperfectos de titularidade municipal. E esta tarde a ministra o único que nos dixo é que vai actuar nos bens da súa titularidade, non se comprometeu a colaborar coa Xunta e por eso falo de decepción… só faltaría que os Concellos tivésemos que arranxar os danos nas estradas que non son da nosa competencia”.

O alcalde barreirense subliñou que “os alcaldes o que reivindicamos é axuda, porque as nosas arcas están como están e entón o que pedimos é colaboración de todas as administracións, que é o que expoñía o presidente da Xunta, crear un fondo entre o Estado, a Xunta e a Deputación e nos vamos sin o compromiso da ministra. Simplemente nos invitou a informarnos de que van restituír os danos nas infraestruturas da súa competencia, non o dubidábamos, pero o que queríamos escoitar é que nos van axudar a reparar os nosos desperfectos”.

Alfonso Fuente engadiu que “tamén seguiremos esperando os alcaldes da Mariña ata o luns para saber que é o que vai facer a Deputación de Lugo, de momento non o temos claro, pero esta institución é a que ten que colaborar cos Concellos. O que nos tememos moitos alcaldes é que vamos ter que tirar cos nosos recursos, vamos ter que apoiarnos coa nosa xente e axudarnos entre os veciños porque non sabemos o que poderá vir do Estado nin da Deputación. Sí sabemos que contaremos coa Xunta, pero do resto nada de nada”.

Exit mobile version