Nesta data, ADEGA quere lanzar unha mensaxe de alarma pero tamén de responsabilidade á sociedade sobre o estado do noso mar. De alarma porque os ecosistemas mariños están seriamente amezados pola irresponsabilidade e a cobiza de quenes só ven neles unha fonte ilimitada de recursos para explotar ou unha cañeira na que deitar todo tipo de refugallos, sen reparar nas consecuencias.
O 75% das especies úteis ao ser humano están sobrexplotadas ou sendo explotadas ao límite da súa capacidade. A pesca artesanal, tradicionalmente sustentábel e respetuosa cos recursos do mar, esmorece, mentres se impoñen políticas pesqueiras orientadas á grande industria extractiva que especula co dereito á alimentación dos povos. E a estes, só se lles permite escoller entre o desmantelamento das estruturas pesqueiras tradicionais e a acuicultura produtivista que vira as costas ao mar para criar peixes en terra, nas macropiscifatorías do Plano Acuícola.
A perda de diversidade e produtividade dos ecosistemas mariños polas verteduras urbanas e industriais, a degradación do litoral polo urbanismo salvaxe, as práticas pesqueiras insustentábeis e o cambio climático, están colocando ao borde do colapso ecolóxico (e xa que logo económico) ás rías, fonte de recursos para unha grande parte da poboación galega.
O urbanismo secuestra cada vez máis territorio no litoral, soterrando con formigón non só o espazo físico da paisaxe costeira, senón tamén o espazo cultural que fai parte da nosa identidade como pobo. En moitos treitos da costa interrompeuse a comunicación natural terra-mar modificando a dinámica litoral, co consecuente gasto de diñeiro público en aportes de area e dragados.
O previsto POL pretende deixar fóra de ordeamento os planos sectoriais que como o Acuícola, o Eólico, de Portos Deportivos, Infraestruturas, etc. teñen graves impactos sobre a costa. E as recentes modificacións da Lei do Solo van flexibilizar e facilitar a ocupación do chan rústico, incluido o dos sensíbeius espazos costeiros.
Esiximos da administración a ampliación das áreas mariñas protexidas, que servirán como refuxio e sementeira da biodiversidade mariña para manter unha actividade extractiva sustentábel e garantir o futuro das comunidades que viven do mar. O tesouro das nosas rías deberá tamén preservarse propoñéndoas con urxencia como Reservas da Biosfera.
Reclamamos a elaboración urxente dun Plano Estratéxico contra a Contaminación Mariña con obxectivos concretos, temporalizados e debidamente orzamentados que vise a eliminación dos focos de contaminación puntual e difusa no litoral así como a minimización do risco por verteduras accidentais e mareas negras. Para isto é preciso garantir a responsabilidade ilimitada para as actividades industriais que causen danos ao medio mariño. Esiximos da administración que inste ao cumprimento inmediato da sentenza do Supremo que ordena a retirada dos depósitos do Ferrazo e que retire os recursos ás sentenzas do TSXG sobre REGANOSA.