SANTIAGO .- O pasado 8 de xuño celebrouse o Día Mundial dos Océanos. Co tema deste ano, “OCÉANOS DE VIDA”, a ONU chama a atención sobre a grande diversidade de vida nos mares e a importancia de protexela. No Ano Internacional da Biodiversidade, ADEGA quere lembrar que os mares son a despensa da humanidade, moderadores do clima e amortecedores dos impactos do cambio climático. Pero estas funcións, fundamentais para o mantemento da vida na Terra están seriamente comprometidas polas actividades humanas. Sobrepesca, verteduras urbanas e industriais, mareas negras, acidificación polo exceso de emisións de CO2… Na Galiza, cun dos mares máis fecundos do planeta, seguimos ao cabo en protección dos esosistemas mariños.
Nesta data, ADEGA quere lanzar unha mensaxe de alarma pero tamén de responsabilidade á sociedade sobre o estado do noso mar. De alarma porque os ecosistemas mariños están seriamente amezados pola irresponsabilidade e a cobiza de quenes só ven neles unha fonte ilimitada de recursos para explotar ou unha cañeira na que deitar todo tipo de refugallos, sen reparar nas consecuencias.
O 75% das especies úteis ao ser humano están sobrexplotadas ou sendo explotadas ao límite da súa capacidade. A pesca artesanal, tradicionalmente sustentábel e respetuosa cos recursos do mar, esmorece, mentres se impoñen políticas pesqueiras orientadas á grande industria extractiva que especula co dereito á alimentación dos povos. E a estes, só se lles permite escoller entre o desmantelamento das estruturas pesqueiras tradicionais e a acuicultura produtivista que vira as costas ao mar para criar peixes en terra, nas macropiscifatorías do Plano Acuícola.
A perda de diversidade e produtividade dos ecosistemas mariños polas verteduras urbanas e industriais, a degradación do litoral polo urbanismo salvaxe, as práticas pesqueiras insustentábeis e o cambio climático, están colocando ao borde do colapso ecolóxico (e xa que logo económico) ás rías, fonte de recursos para unha grande parte da poboación galega.
O urbanismo secuestra cada vez máis territorio no litoral, soterrando con formigón non só o espazo físico da paisaxe costeira, senón tamén o espazo cultural que fai parte da nosa identidade como pobo. En moitos treitos da costa interrompeuse a comunicación natural terra-mar modificando a dinámica litoral, co consecuente gasto de diñeiro público en aportes de area e dragados.
O previsto POL pretende deixar fóra de ordeamento os planos sectoriais que como o Acuícola, o Eólico, de Portos Deportivos, Infraestruturas, etc. teñen graves impactos sobre a costa. E as recentes modificacións da Lei do Solo van flexibilizar e facilitar a ocupación do chan rústico, incluido o dos sensíbeius espazos costeiros.
Esiximos da administración a ampliación das áreas mariñas protexidas, que servirán como refuxio e sementeira da biodiversidade mariña para manter unha actividade extractiva sustentábel e garantir o futuro das comunidades que viven do mar. O tesouro das nosas rías deberá tamén preservarse propoñéndoas con urxencia como Reservas da Biosfera.
Reclamamos a elaboración urxente dun Plano Estratéxico contra a Contaminación Mariña con obxectivos concretos, temporalizados e debidamente orzamentados que vise a eliminación dos focos de contaminación puntual e difusa no litoral así como a minimización do risco por verteduras accidentais e mareas negras. Para isto é preciso garantir a responsabilidade ilimitada para as actividades industriais que causen danos ao medio mariño. Esiximos da administración que inste ao cumprimento inmediato da sentenza do Supremo que ordena a retirada dos depósitos do Ferrazo e que retire os recursos ás sentenzas do TSXG sobre REGANOSA.