A chambonadas xurídicas, o señor Feijoo tennos acostumados. Xa nos mostrou o ben que se lle dá agradecer os favores prestados anulando concursos (que por primeira vez o foran) para disporse a facer adxudicacións dixitais opacas do negocio do vento. A maior gloria da señora Lago tamén nos meteu na lea da consulta da “liberdade lingüística” para despois recoñecer que terá que mudar a lei para poder facela. Tarde piaches, meu rei! E por último, o actual goberno da Xunta ven de recoñecer que en Barreiros houbo un crecemento urbanístico desmesurado, reflexión esta que puxo os ladrillos de punta a máis dun promotor con intereses na zona.
As actitudes mediáticas do señor Feijoo, nomeadamente cando fala para a prensa con sede na capital do reino, logo esmorecen por non atender aos problemas reais da xente e reflectir a súa preocupación por un discurso político encamiñado a ambicións maiores que van moito máis alá da política galega. Mesmo co tempo hai cuestións que se volven na súa contra (ou o que é peor -para eles- semella revirarse contra os seus beneficiarios potenciais) por adoptar posicións pouco asentadas xurídica e/ou politicamente.
O peor de todo no concurso eólico foi botar por terra un deseño de política enerxética centrado no noso tecido económico só para dar satisfacción a empresas (e amigos) alleos ao noso país. Mais a paralización do proceso comezado polo bipartito vai camiño de condicionar gravemente o desenvolvemento do sector, ademais de ter botado por terra a posibilidade de creación de moitos postos de traballo que se xerarían dos proxectos empresariais vinculados á concesión do concurso eólico. Mesmo as subvencións previstas para o sector, e que tiñan prazo determinado, están en perigo. Pensar que se poderán conseguir prórrogas para as mesmas, coa que está a caer, é cousa de paspáns, ou de nos querer facer pasar por parvos.
Na cuestión do novo decreto contra o galego, outrosí nos atopamos cun enfado monumental por parte da señora Lago polos (di ela) incumprimentos continuados das promesas electorais feitas polo señor Feijoo. Vaia por diante que todo isto soa a farsa e ambigüidade calculada. Senón, como se entende que a señora Porro e o señor Negreira sigan encirrando mesquiñamente na cuestión do galego? É tan descarado, que mesmo recoñecen entre bastidores que é por interese electoral. Dan noxo! Xogan coa lingua sen vergoña ningunha. E tamén co noso diñeiro. Para recuperaren o castelán non hai prudencia nin tino: se hai que gastar a mancheas, dálle para diante, que xa recortaremos en servizos públicos. Ter que botar ao lixo os libros do curso pasado por capricho das mentes bífidas é un insulto nos tempos que corren.
E no referido ao mundo das promotoras vimos de nos decatar, en sede parlamentaria e da man da secretaría xeral de urbanismo, de que é certo que en Barreiros houbo un crecemento fóra de lugar e que a Xunta non vai legalizar irregularidades urbanísticas de ningún tipo. Porén, o que realmente amola aos promotores inmobiliarios con intereses na zona é que a Xunta non dea retirado os recursos interpostos polo anterior goberno galego. Poden desexar as posibilidades que queiran, pero hai quen sente como lle ferve o sangue nas veas e a impaciencia róelle os miolos.
Parece que ao señor Feijoo váiselle a forza pola boca prometendo cousas pero despois non é quen de cumprilas. Demóstrao o feito de que as promete e despois recoñece que non pode cumprilas. Semella un goberno interruptus, de aparente marcha atrás. Pero sempre acaba atopando a solución: botar as culpas de todos os males á oposición, ben sexa socialista (polo goberno central), ben sexa nacionalista (por ditadores lingüísticos). E tan pancho, oes!
Farruco GRAÑA