O alcalde, Alfonso Fuente, explicaba esta mañá que “en Barreiros despois dunha tarde noite na que viamos como desaparecía unha ponte na Barranca, coma na zona de Cabarcos e San Xusto ía terra cara a estrada e houbo que facer cortas para evitar que entrara a auga nas casas. Durante a noite a situación mellorou un pouco, pero a partires das sete da mañá vimos como volvían os problemas e as chamadas, avisamos a todo o persoal do Concello de novo, ás oito avisáronnos de que desaparecera o acceso, pegado ao río, a dúas casas en San Miguel. O río fixo moita forza e levóuno, agora xa teñen un acceso provisional por outras fincas para poder darlles servizo a eses veciños”.
O rexedor sinalaba que “temos algunha inundación nalgunha casa, estamos colocando bombas de achique que nos deixou Protección Civil cos medios que ten aquí no centro de operacións que montou nas últimas horas. Vemos que esto non cesa e seguimos en alerta e todo o mundo funcionando, pero o que facemos é establecer preferencias e atendendo primeiro os casos máis importantes ou máis graves. O que intentamos é que se produzan os menores danos posibles”.
Algún veciño de Barreiros levou un susto coa chegada da auga ás portas da súa casa. Fuente Parga contaba que “onte á noite nos avisaron do 112 de que había unha chamada dunha rapaza de Amedo en San Miguel, podía sair polo seu propio pé, pero se asustou un pouco ao ver que a auga rodeaba toda a súa casa e que entraba un pouco no domicilio. Os membros de Protección Civil visitaron todas as casas colindantes, outro señor decidiu quedarse alí, porque xa vivira situacións semellantes e preferiu manterse alí. Os nosos servizos estiveron toda a noite pendentes das zonas máis afectadas para atender as posibles incidencias que se puideran producir”.