BURELA .- O vindeiro venres 18, a partir das 20.30 horas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade retoma o ciclo de charlas-café FALEMOS DE…. que nesta ocasión terá lugar no café-bar A Fazenda de Burela (Rúa Lamestra, 19), que estrea as súas instalacións da terraza de verán para a ocasión.
O tema escollido para a sexta cita deste ciclo é MULLERES E SAÚDE: A ENDOMETRIOSE, e así preténdese arroxar luz sobre a doenza da ENDOMETRIOSE, unha enfermidade relativamente común pero moi descoñecida e aínda moi infradiagnosticada que pode afectar a calquera muller en idade fértil. Na sesión participará Chuz Méndez, xinecóloga do centro de Especialidades do Complexo Hospitalario Xeral Calde de Lugo, e Ana Touriño, que achegará unha visión sociolóxica sobre a doenza.
Con esta cita o Observatorio quere retomar a proposta deste ciclo de charlas, logo da excelente acollida que tiveron as anteriores sesións celebradas durante o ano 2009 e nas que se abordaron os temas da “Repercusión da crise económica nas mulleres” en Ribadeo, “O aborto a debate” e “Mulleres e deporte” en Burela, “A segregación por sexo nas aulas” en Foz e “Xénero e idioma” en San Cibrao.
O ciclo de charlas FALEMOS DE… é unha actividade a través da que periodicamente se debaten en diferentes vilas da comarca sobre temas relevantes para avanzar na igualdade de xénero, polo que están abertas e dirixidas a toda a cidadanía (mulleres e homes). A actividade resulta innovadora de seu na nosa comarca, pero ademais presenta o aliciente de ter un formato ameno e participativo. Así, lonxe do formato de conferencia convencional, o ciclo de charlas-café FALEMOS DE… busca a interacción das relatoras cos homes e mulleres do público nun ambiente agradábel e acolledor, onde ao mesmo tempo que se escoitan as intervencións se poida tamén tomar unha consumición.
Deste xeito, o Observatorio quere afondar no seu obxectivo de dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social.