Nas últimas semanas asistimos a un clamoroso intento de manipulación política, sen precedentes, que ten como principal obxectivo xerar unha inxustificada alarma social nun asunto tan serio como é o da sanidade. Baixo o lema “salvemos o hospital” unha plataforma instrumentalizada por PSOE e BNG e determinadas organizacións afíns, insisten nun falso interese da Xunta polo desmantelamento da área sanitaria da Mariña.
Con cada paso que se está a dar é máis evidente a manipulación política. Dálles igual os reiterados desmentidos feitos desde a Consellería de Sanidade e polo propio Presidente da Xunta, que non só confirmaron a continuidade da área sanitaria, a súa total autonomía e poder de decisión, senón que tamén amosaron a aposta clara do novo Goberno de Galicia pola mellora do sistema público de saúde e do Hospital da Costa que, en que cabeza cabe, nin perderá servizos, nin desaparecerá.
Nos últimos meses a falta de contundencia dos seus argumentos obrigoulles a rectificar unha e outra vez e, malia isto, continúan faltando á verdade. Comezaron afirmando que o hospital pecharía, cando esto se desmentiu, que desaparecería a área sanitaria, cando a Consellería dixo que non se modificará o mapa sanitario en Galicia e o propio Parlamento galego, por unanimidade e a proposta do PP oficializou este compromiso, dixéronnos que dependeriamos de Lugo. Tampouco esto é certo, a Xunta xa clarexou para todo aquel que quere escoitar, que o xerente da área sanitaria de Burela, xestionará todos os recursos humanos, materiais, infraestruturas e prestacións tanto do Hospital da Costa como do conxunto dos centros de saúde. Lonxe de perdelas, gañamos competencias, porque antes a xestión dos centros de saúde se realizaba desde Lugo e agora se fará con autonomía desde Burela.
Moitos veciños están como nos sorprendidos porque esta plataforma non se manifesten contra os recortes sociais que forzou o Goberno de Zapatero, que implica a precarización en materia de dependencia ou a reducción dos salarios dos traballadores sanitarios, pero si o fagan contra o SERGAS. Está máis que claro que este é, non se leven ao engano, unha manifestación contra o Partido Popular. De feito, está máis que demostrado que o bipartito estudaba xestionar a sanidade da Mariña desde Ferrol, o que si sería un atentado contra a nosa sanidade, e pese a iso, hoxe comparten pancarta, solo con interese de facer dano político.
A verdade é que a Xunta está a realizar un investimento millonario neste centro incompatible co seu peche. Está a ser un Goberno do PP o que multiplicará por dez os recursos achegados polo bipartito nos pasados anos: reformarase a área de maternidade, a cuberta do hospital, a rampla de acceso, haberá máis espazo para a sala de espera da resonancia, para farmacia e arquivos. Falamos de compromisos orzamentarios que superan amplamente o millón de euros.
Non é verdade, e así temos que dicilo con contundencia, que haxa que derivar pacientes a Lugo. O hospital manterá todas as súas especialidades médicas e servizos, e máis a Xunta intenta amplialos (servizo de detección precoz do cancro de mama, nefroloxía, cardioloxía, vías rápidas. Como a de cancro de colon..). Non é verdade que o decreto de nova estrutura dos hospitais faga que o de Burela deixe de ter unha xerencia independente, descafeinada ou sen poder de decisión, pois nin tan sequera este decreto existe, e todo esto foi desmentido reiteradamente desde Sanidade. Falan dun aumento das listas de espera, pero non explican que o bipartito deixou máis de 4.000 pacientes, con nomes e apelidos, na lista de espera oculta, alleos ás estatísticas oficiais, aos que se lle negaba unha asistencia sanitaria que hoxe grazas ao esforzo dos profesionais se lles está a ofrecer. Non é verdade que o PP teñan reducido o orzamento do Hospital, hoxe hai máis recursos, dispón dun orzamento independente e o manterá no futuro negociando directamente con Santiago.
Estamos convencidos de que os veciños da Mariña non se deixarán enganar e rexeitarán unha forma de facer oposición, que recupera a pancarta e a alarma social, é o “todo vale contra o PP” que está a superar amplamente os límites admisibles. A pesar de que algúns preferirían ver a sanidade morrer, tan só por prexudicar á actual Xunta, podemos asegurarvos que o sistema público de saúde da Mariña sairá fortalecido: con máis competencias e poder de decisión. Somos o partido máis votado da Mariña, e sempre nos deberemos aos veciños da comarca.
PARTIDO POPULAR DA MARIÑA
Deputados, alcaldes, portavoces e concelleiros locais.