LUGO .- A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, clausurou este venres a xornada “Europa, na creación de emprego”, que supón o peche ós actos da semana do empendemento posta en marca pola Rede Mercurio e da que forman parte 14 entidades: Deputación, Concello de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela, Fundación CEL, Cámara de Comercio, Asociación de Xóvenes Empresarios de Lugo, Asociación de Empresarias de Lugo, CETAL, Centro Tecnolóxico Lácteo, COGAMI, Federación Galega de Comercio, AGESTIC, Confederación de Empresarios de Lugo e Asociación de Empresarios do Ceao.
Lara Méndez destacou que estes actos permiten potenciar a creación de empresas, a súa consolidadación e internacionalización e estimular o desenvolvemento de redes de traballo conxunto para favorecer a colaboración empresarial. Neste senso subliñou que “todos os que estades nesta sala tedes un denominador común: o espíritu emprendedor, que nace dunha idea para convertirse nun gran proxecto. Precisamente, en momentos económicos como o actual, as institucións debemos de ser máis útiles ca nunca. Temos que ser capaces de poñer enriba da mesa medidas e axudas destinadas á promoción do emprego e a potenciar a economía con medidas que os Concellos non poden executar por sí sos e que complementan outras ás que tampouco chegaría a Xunta de Galicia. O importante é sumar e non restar”.
A este respecto, Lara Méndez explicou que Deputación “está cos autónomos e emprendedores da provincia”. Como exemplos desta colaboración, a Vicepresidenta destacou que a liña de axudas creada en 2008 dende o INLUDES e destinada a subvencionar os gastos correntes dos autónomos, “converténdonos nunha das poucas Deputacións de España que impulsa un programa destas características”. En total, a este fin destináronse 1,4 millóns de euros dos que xa se beneficiaron 1.200 autónomos.
Km0.Deputación de Lugo, un programa co que se manteñen 3.000 postos de traballos na provincia; Lugo Compite +, un pioneiro, personalizado, e gratuito proxecto anti-crise dirixido a potenciar e manter as empresas lucenses; Lug02, o programa medioambiental que aposta pola profesionalización do sector; ou a contrución da Granxa Gayoso Castro, un proxecto mediante o cal os autónomos do sector agrogandeiro aforrarán custes; son outras da iniciativas citadas por Lara Méndez dentro da aposta do organismo provincial polos emprendedores desta provincia.
Programa da Semana do Emprendemento
A Semana do Emprendemento celebrouse baixo o lema “Emprende. Pon os teus soños a traballar”. As actividades comezaron o luns 14 de xuño cun almorzo de emprendedores que tivo lugar na Fundación CEL. O martes, día 15, celebrouse unha charla sobre aspectos xurídicos na creación de empresas de base tecnolóxica, na Escola Politécnica Superior da USC. O mércores 16 conmemorouse o Día do Emprendemento. A Semana continuou o xoves, día 17, cunha charla sobre imaxe de marca persoal, no CEI-NODUS. A programación rematou este venres cunha charla sobre Europa na creación de emprego, no Pazo de San Marcos.