CERVO .- Por segundo ano consecutivo a mocidade cervense terá unha oferta de ocio alternativo mediante o deporte. O Concello de Cervo pon en marcha un ano máis o programa NOITES ALTERNATIVAS que se desenvolverá a partires da segunda semana de xullo –coincidindo coas festas patronais- e que ofrece un amplo abano de actividades entre as que está o fútbol sala 3×3, baloncesto 3×3, volei praia 2×2 e padel.
O concelleiro de Deportes, Rubén Fernández, que deu a coñecer no día de hoxe o programa desta actividade sinalou que non se trata unicamente da apertura de locais e instalacións fóra do horario habitual, “senón dun completo programa de actividades variadas, relacionadas co deporte, como proposta alternativa de ocio nesta época estival”
A PARTIR DE DEZ ANOS, OS MARTES, MÉRCORES E XOVES
O programa establece que nas distintas actividades poden participar rapaces con idades superiores aos 10 anos e sen idade límite, pois a organización prevé distintos enfrontamentos segundo a categoría dos inscritos.
As NOITES ALTERNATIVAS desenvolveranse nun horario de 22.00 a 01.30 horas os martes, mércores e xoves. As localidades de Cervo e San Ciprián serán as sedes dos partidos de Fútbol sala e Baloncesto e, no caso das actividades deportivas na praia desenvolveranse no areal de O Torno, en San Ciprián, mentres que o padesl desenvolverase na pista ubicada no polígono de Cuiña.
Todas estas actividades son gratuítas polo que non terán que asumir ningún custe os participantes. Ademais o mecanismo de inscrición é moi flexible pois poderá facerse ao comezo de cada actividade no lugar onde se desenvolva.
O calendario de actividades abrirase en San Ciprián. A primeira das citas serán os partidos de fútbol-praia, os días 12, 13 e 14 de xullo (única data que da inicio o luns para non coincidir co día 16, Festa do Carme). Tamén haberá volei-praia os días 20, 21 e 22 de xullo. Os días 27, 28 e 29 de xullo será a quenda do padel. En agosto as competicións continuarán en San Ciprián os días 3, 4 e 5 con baloncesto 3×3; e rematarán os dias 10, 11 e 12 con fútbol-sala 3×3. En Cervo disputaranse probas de baloncesto 3×3 os días 17, 18 e 19 de agosto; mentres que os días 24, 25 e 26 disputaranse competicións de fútbol-sala 3×3.
MONITORES ESPECIALIZADOS
Da organización destas actividades encargarase a empresa especializada IG-10 SPORTS S.L., actual concesionaria das Escolas Deportivas Municipais, o que garante a presencia de monitores cualificados para organizar e controlar o desenvolvemento das actividades. “As nais e pais dos participantes teñen a garantía de que os seus rapaces están en boas mans, practicando deporte nas noites de verán, e adquirindo polo tanto hábitos moi saudables” indicou o responsable de Deportes cervense.