Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo inicia as primeiras obras de reparación dos danos das riadas

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou positivamente a visita desta mañá ao concello do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó, na que comprobou en primeira persoa os efectos das choivas e se interesou polos traballos que se están desenvolvendo co obxecto de restablecer a normalidade nos distintos puntos afectados do termo municipal.

O rexedor cervesne tivo a oportunidade de explicarlle ao presidente os estragos ocasionados polo temporal da semana pasada e agradeceulle a colaboración prestada “dende o primeiro día” polo Goberno galego “para atallar de xeito coordinado e eficaz” todas as emerxencias xurdidas “dende a noite do mércores da semana pasada ata hoxe”.

Obras de envergadura

Alfonso Villares indicou que despois de atender ás emerxencias xurdidas nos momentos máis complicados, os traballadores municipais e o persoal de apoio da Xunta destinado a Cervo adicouse a realizar labores de limpeza e arranxos provisionais para restablecer os servizos básicos do municipio “e agora estamos xa noutra fase, que é a de ir acometendo obras de reposición de certa importancia” indicou. Neste sentido sinalou que unha destas primeiras actuacións é a construción dunha escollera na rúa do Muíño de Cervo, “obra que visitamos co presidente da Xunta e co conselleiro de Medio Ambiente e que nos vai permitir solventar o problema das enchentes nesta zona e asegurará a estabilidade desta rúa, que discorre paralela ao leito do río Xunco” asegurou.

Para o rexedor cervense o anuncio feito polo presidente da Xunta sobre a aprobación mañá dun paquete de medidas por parte do Goberno galego para paliar os danos causados polas inundacións “é algo que estabamos seguros que se ía a producir, porque dende o primeiro momento os responsables da Xunta foron conscientes da magnitude desta catástrofe e este anuncio non fai máis que refrendar en boca do propio xefe do executivo galego a implicación que está a ter a Xunta coa nosa comarca nestes momentos”.

Por último, Villares confiou en que a xestión da Xunta en promover un mecanismo de de coordinación e entre a Administración do Estado, a Administración Local e o Goberno galego co obxecto de paliar os danos causados polas chuvias se poda materializar canto antes “porque nestes momentos é imprescindible que tódalas administracións remen na mesma dirección para conseguir a reparación das infraestruturas municipais e para artellar liñas de axudas aos veciños que nos permitan recobrar a normalidade no menor tempo posible” indicou.

Exit mobile version