Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo dota o a piscina municipal con novos aparello de ximnasia

CERVO .- O concelleiro de Deportes, Rubén Fernández, anunciou que o ximnasio da piscina olímpica municipal de Lieiro conta dende a semana pasadacon novos aparatos para todos os seus socios.

O novo equipamento consiste en varios aparatos aeróbicos e de musculación coma bicicletas estáticas, cintas de carreira ou pranchas de musculación entre outros. A contía total deste investimento rondou os 20.000 euros e foron financiados con fondos propios e coa axuda da Xunta de Galicia.

Segundo indicou o responsable da área de Deportes municipal, esta nova dotación de equipamento para o ximnasio ten coma principal propósito que os seus usuarios “poidan contar coas infraestruturas necesarias para a práctica de deporte, o cal está intimamente ligado á mellora da nosa calidade de vida e o coidado da nosa saúde” e lembrou que a devandita renovación de material do ximnasio forma parte dun paquete de medidas posto en marcha dende o Concello “para mellorar as instalacións e o servizo da nosa piscina municipal, a única da provincia de Lugo destas características”. Entre estas medidas figura a modificación dos horarios da piscina, postos en marcha o pasado mes de outubro, e tamén a firma dun convenio de colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte por valor duns 60.000 euros que foron destinados a obras de mantemento e mellora da piscina municipal.

Segundo Fernández, este esforzo inversor e de xestión en materia deportiva do grupo de Goberno local se complementa tamén con outras infraestruturas postas en marcha hai unhas semanas, “como por exemplo a pista de pádel recentemente inaugurada e que fai que Cervo se afiance na cabeza de concellos da Mariña e de Galicia no que a número de instalacións deportivas de uso público por habitante se refire”.

Finalmente, o delegado de Deportes cervense aproveitou este anuncio para invitar aos socios e socias da piscina “para que se pasen polo seu ximnasio e fagan uso destes novos aparatos; e tamén -como non- convidar a aqueles que aínda non son socios a que se animen e se abonen para disfrutar das nosas instalacións”.

Exit mobile version