Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo creou unha oficina de atención ao cidadán para inventariar os danos do temporal

CERVO .- O Concello de Cervo creou unha oficina de atención ao cidadán para inventariar os danos provocados polo temporal, trasladará a información recollida ás distintas administracións unha vez estean artelladas as liñas de axudas

Nota de Prensa

Situada na Casa do Concello estará atendida por persoal municipal que recollerá a relación de perdas e desperfectos sufridos polos particulares a causa das choivas

CERVO CREA UNA OFICINA DE ATENCIÓN AO CIDADÁN PARA INVENTARIAR OS DANOS PROVOCADOS POLO TEMPORAL

* Trasladarán a información recompilada ás distintas administracións unha vez estean artelladas as liñas de axudas .

Cervo, 14 de xuño de 2010.-  O Concello de Cervo avalía os inmensos danos provocados polo temporal de choiva no seu termo municipal e desde hoxe puxo a disposición dos cidadáns as dependencias do consistorio para que fagan chegar a relación de danos nas súas vivendas, propiedades e negocios co obxecto de ter no menor tempo posible cuantificada a magnitude dos danos ocasionados por estas enchentes.

O alcalde, Alfonso Villares, salientou a necesidade de que os veciños e propietarios de negocios fagan chegar “canto antes” esa relación de desperfectos no concello “para tratar de axilizar na medida das nosas posibilidades as posibles axudas que se poidan artellar desde as distintas administracións con competencias na materia” indicou.

Villares dixo que operarios municipais e persoal da Xunta de Galicia continúan traballando para restablecer a normalidade nos distintos puntos do término municipal onde se produciron danos despois do paso das choivas torrenciais que azoutaron o concello a pasada semana e reiterou o agradecemento ao Goberno autonómico pola axuda que está a prestar ao Concello “tanto en material como en persoal técnico” para acometer devanditos traballos.

Relación de danos

A primeira hora da mañá o alcalde mantivo unha xuntanza cos encargados dos distintos servizos municipais para solicitarlles a elaboración  “de forma exhaustiva e detallada” dunha relación de danos e desperfectos nos bens de titularidade municipal e tamén nas infraestruturas pertencentes a outras administracións que se atopan no termino municipal -as cales basicamente se cinguen aos viais provinciais e á estrada nacional N-642- “para remitírllelas canto antes e que as teñan en conta para que fagan as obras de arranxo necesarias e para a non volver a ter que sufrir este tipo de estragos no caso que volvamos a padecer unhas choivas desta intensidade”. Así mesmo, Villares indicou que esta valoración de danos tamén servirá “para estar preparados cando calquera administración nos requira esta información e axilizar na medida do posible as axudas que se poidan habilitar” recalcou.

Exit mobile version