CERVO .- O Concello de Cervo contratará a dez socorristas e catro persoas para a limpeza de praias a través das Oficinas de Emprego. Así o anunciou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que explicou que as devanditas contratacións se realizan grazas á subvención da Xunta de Galicia a través do programa de cooperación coas entidades locais.
Segundo indicou o rexedor, as contratacións serán dunha duración de tres meses e o Concello desenvolverá ao longo dos próximos días o proceso de selección de persoal unha vez recibida a lista de posibles interesados desde as oficinas de emprego (antigo INEM).
Villares salientou que a axuda para contratar a estes dez socorristas supón un aumento de preto dun 50% respecto das subvencións concedidas nos últimos catro anos pola Xunta de Galicia, “nos cales se nos financiou a contratación de tan so 7 socorristas”.
“E no caso de limpeza de praias o aumento é aínda máis significativo, porque pasamos de non recibir axudas nos últimos catro anos para este servizo, o cal tiñamos que asumir a través de persoal municipal, a poder contratar a catro persoas para estes traballos grazas a axuda da Xunta” recalcou o alcalde.
Para Villares, este aumento de persoal para o coidado e control dos areais cervenses suporá unha mellora substancial respecto das tempadas estivais pasadas “porque poderemos dar unha mellor cobertura para os bañistas e tamén nos vai a permitir ter en mellores condicións de limpeza os nosos areais, o que irá en beneficio de todos os usuarios das nosas praias e tamén, como non, dos veciños e veciñas de Cervo”.
Neste sentido o alcalde dixo que os veciños e veciñas de Cervo non se poden explicar porque nos anos de goberno bipartito na Xunta o grao de implicación e de axudas cos areais do municipio non foron coma os recibidos neste ano, nin tampouco porque a Deputación “nin sequera se dignou a contestar a petición que lle fixemos nos dous últimos anos pedíndolle maquinaria para adecentar a praia do Torno para a época estival” sinalou.