Como impulsado por un refacho de vento, un ente, un ser aparece sobrevoando o Monte Castelo e descobre ante si un pobo que ten enfronte o mar. Un mar que aparece en calma e infinito, amosando unhas cores azuis e verdes de extraordinaria beleza. Esta visión provoca un descenso do ente, do ser, ata unha altura, ata unha posición, que lle permite observar un porto cheo de barcos, embarcacións, naves e botes que se atopan en perfecto estado de revista aliñados e adornados con accesorios que os fan máis fermosos e que se balancean suavemente acariñados pola auga, o que provoca neles un movemento harmonioso do conxunto en formación como se tivesen vida propia.
Enfocando a vista cara ó interior do pobo descobre a moita xente colocada ó longo de varias rúas en diferentes posicións: dobrada, agochada, anicada cos xeonllos no chan, de pé movéndose con cousas nas mans, de pé quietas…Nota que esta xente constrúe simultaneamente partes illadas que pouco a pouco se van enlazando para formar unha peza única. O ente, o ser, da varias pasadas en raso notando a esencia de mil olores mesturados entre si. Tamén percibe a presenza de todos as cores posibles que se combinan para crear figuras e formas nunha alfombra de un quilómetro de longo.
Sen reparar no tempo que pasa, percibe como se van colocando miles de persoas ós lados da alfombra multicolor acomodándose nunha posición de espera. O potente estoupido dun foguete orienta a súa vista á saída dun templo onde aparece a imaxe dunha Señora, cun manto branco e unha coroa prateada, que se mantén no aire sostida por un conxunto de homes vestidos de branco e azul. A imaxe e os homes son escoltados por outros homes con remos izados. Varias mulleres reparten o peso doutra imaxe que vai diante da Señora. O ritmo, a cadencia dos pasos da xente que vai ocultando a presenza das formas floreadas márcano o son dos tambores. O ente, o ser, observa que a xente mira para a Señora e que, nese mirar, a moitos se lles humeceden os ollos e a outros moitos látelles o corazón sen querer. Ó chegar ó porto as naves que el presenciara antes, agora soan entolecidas e lanzan luces vermellas cara ó ceo. Máis tarde este ceo énchese de pinceladas de cores fosforescentes provocadas por centos de inventos pirotécnicos.
O espectáculo que se desenvolve na zona portuaria só pode ser apreciado, no seu conxunto polo ente, polo ser, debido á súa posición de vantaxe que lle confiren as alturas. Por un lado, a cantidade enorme de atraccións de feira que funcionan sen parar para divertir o respectable, que fai uso delas ou simplemente alixeira a solvencia dos moitos que miran para elas. E por outro, tendas que venden produtos de todo tipo e de variada procedencia, persoas que van e veñen esquivando a outras que veñen e van, un baile multitudinario onde as orquestras de máis calidade ofrecen un repertorio de música selecta adornadas con espectáculos que quitan as preocupacións, bares e restaurantes cheos de xente con gañas de compartir. E moitas familias, con todos os seus membros, participando dun ambiente harmonioso e motivador antes de que comece a costeira do Bonito.
Eu penso, sinceramente, que o ente, o ser, está estes días entre nosoutros, porque, sexa quen sexa este personaxe, é impensable que ninguén se poida ausentar de Burela cando se están celebrando as Festas Patronais.
Unha aperta para todos.
Alfredo Llano García é alcalde de Burela