BURELA (FNC) .-. Burela acollerá do 18 ao 23 de xullo o III Seminario de Jazz e Música Moderna que foi presentado esta mañá no Concello. O evento conta cun orzamento de 12.000 euros.
A concelleira de Educación, Lucía Bouza, comentou que “o seminario comezará cun concerto inaugural e o resto dos días de luns a venres serán as clases e tamén voltarán os concertos pola noite no Atrezzo Café”. Nos concertos participarán: Burela Blues Band, Combo “Profes”, S.E.M.B. Band, Marcos Pin Trío e Marosa Jazz Project.
A edil socialista manifestou que “o evento está financiado na súa totalidade polo plan E e por iso puidemos contar cun orzamento ambicioso de 12.000 euros, algo que nos permite ampliar o número de profesores que acudan ao seminario. Serán seis os docentes, un máis que o ano pasado. Incorporamos a un profesor de vento-metal, que era a especialidade que nos faltaba, trátase de Santiago Cañada, o resto repiten porque todos están moi contentos co traballo que se desenvolve aquí en Burela e sempre nos din que lles apetece volver”.
Bouza engadiu que “xa está aberta a matrícula, os interesados en acudir poden dirixirse ao teléfono da Delegación de Educación: 648 26 05 55. Quero animar a todo o mundo a que participe porque o seminario cada ano ten máis éxito”.