Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o PP que o Parlamento de Galicia analizará o uso do heliporto do Hospital da Costa

Nota de Prensa

Por espazo de tres horas non se puido facer uso desta instalación de aterraxe que se emprega para servizos de emerxencia médica e traslados aéreos de doentes con patoloxías graves

O USO NON AUTORIZADO DO HELIPORTO DO HOSPITAL DA COSTA POR PARTE DA MINISTRA ELENA ESPINOSA SERÁ OBXECTO DE ANÁLISE NO PARLAMENTO DE GALICIA

* Jose Manuel Balseiro subliña que a titular do departamento ministerial de Medio Ambiente errou “nas formas, polo xeito no que utilizou o heliporto, e no fondo, porque a súa visita á Mariña non serviu para adquirir compromisos concretos para compensar os danos do temporal de choivas, nin para responder ás reclamacións efectuadas polos alcaldes”

* Elena Espinosa visitou a Mariña “para facerse a foto” pero, en plena época estival, moitas das praias que son da súa competencia presentan innumerables danos que non están a ser corrixidos do xeito preciso e que poden prexudicar ao turismo

Santiago, 25 de xuño de 2010.- O uso non  autorizado do heliporto do Hospital da Costa (Burela) pola aeronave que trasladaba ata a Mariña lucense á Ministra de Medio Ambiente,  Medio Rural e Mariño do Goberno central, Elena Espinosa, será obxecto de análise no Parlamento de Galicia despois de que o deputado Jose Manuel Balseiro Orol rexistrase unha iniciativa para clarexar os feitos acontecidos.

Ata  o momento sabemos que a integrante do Executivo socialista central nin efectuou a correspondente solicitude, nin comunicou a súa intención de facer uso desta instalación de aterraxe que, como  mínimo, por espacio de tres horas non puido ser empregada polos helicópteros sanitarios e de emerxencia encargados do traslado de doentes con patoloxías graves. Precisamente o heliporto do hospital está concibido para dar servizo a este  tipo de medios e a súa operatividade debe estar supeditada ao uso das emerxencias sanitarias.

Segundo o deputado Jose Manuel Balseiro, autor da iniciativa,  “resulta evidente que estamos ante un suceso escandaloso, xa non só polo feito de que esteamos a falar do uso indebido e temerario dunha infraestrutura pública autonómica, senón tamén porque vén a poñer de relevo un proceder soberbio da administración central que decide apropiarse durante un tempo dun espazo que nin é da súa titularidade, nin pode ser  utilizado sen a comunicación previa necesaria para activar o  protocolo   que vén a garantir a súa utilidade preferente para as emerxencias sanitarias”

O deputado mariñán sinala tamén que a Ministra de Medio Ambiente,  “errou nas formas e no fondo: nas formas polo xeito no que empregou o heliporto do Hospital, e no fondo,  porque a súa visita non trouxo nada máis ca unha simple foto. Os propios alcaldes cualificaron de decepcionante a súa presenza na Mariña porque non adiantou compromisos claros a favor dos espazos afectados polo temporal, salvo no tocante ás praias que, en todo caso,  en plena época de verán, aínda presentan graves danos, sen que a administración competente, o Goberno central, estea a desenvolver as tarefas necesarias para corrixilos, de tal xeito que pode verse prexudicado o sector turístico”.

Exit mobile version